Campaña da Federación Ecoloxista Galega, FEG, a favor do monte

A Federación Ecoloxista Galega, FEG, editou, xunto con outros colectivos sociais, un cartel, realizado por Celso Fernández Sanmartín, artista polifacético, no que se chama á reflexión pausada da nosa relación co monte: «Temos que pór en valor a función social dos montes, como lugar de goce tranquilo, lugar de diversión e como outro xeito máis de achegarnos á natureza», indican os responsables desta campaña.


«A día de hoxe, o plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia está centrado, como en anos anteriores, na extinción e contempla medidas de prevención soamente a moi curto prazo e deixa que o número de incendios forestais dependa fundamentalmente das condicións meteorolóxicas que se produzan durante o verán.

Para os responsables da Consellaría, os incendios forestais non se conciben como un risco que se pode e se debe xestionar para minimizar as súas consecuencias e, máis ben, os lumes parecen ser unha especie de praga divina, renunciando á adopción de medidas que permitan acadar un monte produtivo, diverso e seguro. Isto anterior choca frontalmente coa posiblidade de gozar do monte de xeito xeral.

Desatendidos polas administracións, os nosos montes, lonxe de ser reservas de biodiversidade e de recursos, lugares onde os cidadáns poden gozar do contacto coa natureza, convértense en polvoríns que deben ser vixiados polo exército e aos que se debe restrinxir o acceso nos períodos máis cálidos. Non se ten desenvolto desde 2006 medida algunha que alonxe o risco de que outra catástrofe como a que ocorreu no mes de agosto daquel ano, se se dan condicións meteorolóxicas similares, volva producirse. E os últimos casos dannos a razón, chegando a pór en perigo a vida de moitas persoas.

Desde a FEG solicitámoslle á Administración unha verdadeira xestión do risco forestal con auténticas medidas de prevención a medio prazo que reduzan a cantidade de combustible no monte e a súa combustibilidade, con medidas de control do risco en plantacións de especies pirofíticas, con ordenación do monte, con protección das formacións forestais naturais, dos corredores ecolóxicos e da biodiversidade, co desmantelamento paulatino e controlado da industria do lume e a consolidación dunha gardería forestal que se preocupe da conservación para evitar ter que facelo da extinción.

Pensamos que é algo posible, que a cidadanía ten que comezar a esixilo e que, deste xeito, poderemos volver ao monte, como hai anos, un monte fonte de recursos, económicos, naturais e sociais. En definitiva, un lugar para gozar, para sentir, do que nós tamén facemos parte, como di o cartel que se vén de editar».