A Consellería de Medio Rural volve a rexeitar a condonación das falsas e inxustas débedas dos montes veciñais con consorcio ou con convenio

A semana pasada a portavoz de montes do grupo parlamentar do BNG, Montse Valcarce, presentou na Comisión de Agricultura do Parlamento Galego unha iniciativa para que se devolvan, de forma xunta e trasparente, ás comunidades de montes a xestión dos montes veciñais con consorcios e ou con convenios sen débedas impostas.

Para esta xusta esixencia a deputada do BNG argumenta que as supostas débedas  dos montes veciñais, con consorcio e ou con convenio, foron elaboradas  unilateralmente pola Consellería do Medio Rural. Nestas supostas débedas non se desgregan con detalle os investimentos, os ingresos xerados e o saldo final de cada monte veciñal. Así como tampouco distingue se os investimentos foron realizados con fondos propios ou sufragados con subvencións de outras administracións públicas, xa que estas últimas en ningún caso poden ser repercutidas na suposta débeda da comunidade de montes.

A nova directora xeral de Planificación e Ordenación forestal, Luisa Piñeiro, rexeitou esta iniciativa parlamentar do grupo do BNG. E para elo, argumentou mentiras, como dicir que, a día de hoxe, un de cada 5 montes veciñais teñen débedas coa administración galega. A realidade é ao revés, as débedas, se é que son reais, tenas a Administración coas comunidades de montes. Nos montes veciñais con consorcio ou con convenio a xestión do monte veciñal correspondíalle exclusivamente a Consellería de Medio Rural. Se esas débedas son reais, a deudora é a Consellería, xa que se se produciron foi porque esta Consellería amosou ser un mala xestora dos montes veciñais.

As razóns polas que a directora rexeitou a iniciativa parlamentar do BNG son dúas. A primeira é a de facer caixa cobrándolle ilegalmente ás comunidades de montes unha débeda que foi xerada por ela mesma. A segunda é a de roubarlles á veciñanza comuneira, cos seus montes veciñais conveniados ou consorciados, a xestión dos mesmos. E, así, entregarllos de balde ás empresas forestais privadas a través dos chamados “contratos temporales de xestión pública “, contratos que na realidade non son públicos.

A nova directora xeral de Planificación e Ordenación forestal sigue a liña dos seus antecesores. É dicir: os montes veciñais, titularidades fóra do tráfico do comercio, e as comunidades de montes, xestión democrática de un territorio, impiden levar adiante a súa política forestal-empresarial. Polo tanto queren proceder a sua eliminación, tanto dos montes veciñais como das comunidades de montes.

A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) manifesta o seu agradecemento ao grupo parlamentar do BNG por levar adiante unha iniciativa parlamentar que esixía a devolución xusta e transparente ás comunidades de montes dos montes veciñais consorciados ou conveniados. Unha reivindicación sentida por un número importante de comunidades de montes.

Montes veciñais  e  memoria democrática

A ORGACCMM ven de solicitar ao Ministerio de Administracións públicas e Memoria democrática, e á Delegación do Goberno central en Galiza, a reparación ás comunidades de montes veciñais, porque os seus titulares, a veciñanza comuneira, foron vítimas da ditadura franquista.

A lei de memoria democrática define, entre os seus obxetivos, o de recoñocer e reparar ás vítimas da guerra civil e da ditadura franquista. Esta, unha vez implantada logo da guerra civil, promulgou no ano 1946 a chamada lei hipotecaría, mediante a cal os montes veciñais, soamente coa sinatura dos secretarios dos concellos, pasaban a inscribirse nos inventarios de bens de propiedade municipal. Levouse a cabo, así, unha  usurpación dos montes veciñais aos seus lexítimos titulares, a veciñanza comuneira.

Anos antes, no ano 1941, a ditatura franquista creou o organismo chamado Patrimonio Forestal do Estado. En Galiza, este organismo, coa oposición da veciñanza, procedeu a forestar pola forza en réxime de biculitivo forestal (piñeiros e eucaliptos) os montes veciñais. Producese, así, unha ocupación ilegal desas terras comunitarias, que impideu aos titulares das mesmas o seu uso e o aproveitamento, que, naqueles momentos, era maioritariamente un uso agrario e gandeiro.

Esta usurpación e ocupación dos montes veciñais por parte da dictatura franquista eliminou o medio de vida da veciñanza comuneira, forzando unha migaración forzosa. Polo que tamén causou a despoboación do medio rural e, anos mais tarde, a problematica dos lumes. Podendo afirmarse que os lexítimos titulares dos montes veciñais padeceron un lucro cesante.

Esta usurpación dos montes veciñai, impedindo que os lexítimos titulares usasen a súas terras, durou, cando menos, ata o ano 1980. Ano no que se promulgou unha lei estatal de montes que reconocía que os montes veciñais eran titulares dos veciños e das veciñas, non entendidos como entes  administrativos, senon como grupos sociais. Fica claro que, alomenos durante 34 anos, a veciñanza comuneira, esto é, as comunidades de montes, foron vítimas da dictatura franquista.

É de xustiza que a a lei de memoria democrática recoñoeza ás comunidades de montes como vítimas da ditadura franquista e proceda a unha xusta reparación.