VIII Congreso Galego de Comunidades de Montes

Os días sábado 23 e domingo 24 de maio de 2026, na Casa da Cultura do concello de Allariz (Ourense), celebrarase o VIII Congreso Galego de comunidades de montes baixo o lema “montes veciñais: pasado, presente e futuro vivos”.

O VIII Congreso Galego de comunidades de montes vai desenvolverse nunha situación tremendamente agresiva contra os montes veciñais e contra as comunidades de montes. É ben coñecido que se está elaborando un borrador para unha nova lei de montes veciñais que ten como obxectivo a eliminación dos montes veciñais como titularidades de carácter xermánico, para municipalizar algúns montes veciñais e privatizar os outros.

Para deter este serio intento de que desaparezan os montes veciñais do territorio galego a asistencia das comunidades de montes a este VIII Congreso é fundamental. É un Congreso aberto á asistencia de todas as comunidades de montes de Galiza, e participativo. Aquelas comunidades de montes que queiran presentar achegas aos dous relatorios que se van debater poden facelo enviando as súas achegas, antes do día 14 de maio de 2026, ao correio electrónico evamvcoiro@gmail.com ou ao enderezo postal: Centro Veciñal de Valadares – Camiño do Pedregoso n.º 6-36314 Vigo