Reunión co grupo parlamentar do BNG

REUNION CO GRUPO PARLAMENTAR DO  BNG

O pasado día mercores 16 de Outubro, unha delegación da xunta reitora da Organización Galega de comunidades de montes (ORGACCMM) mantivo unha reunión co grupo parlamentar do BNG, representado polo deputado Luis Bará e pola deputada Montserrat Valcarce.

Na reunión a ORGACCMM prantexoulles tres cuestións, solicitándolles a presentación de iniciativas parlamentares sobre as mesmas. A primeira das cuestións prantexadas foi a da nova lei de montes veciñais en man común que está a elaborar a Consellaría do Medio rural. Unha nova lei de montes veciñais que ten como obxetivo fundamental a eliminación do carácter xermánico destas terras veciñais para proceder a súa privatización ou municipalización. En todo caso ¡, para roubarlle estas terras aos seus lexítimos titulares, a veciñanza comuneira.

A ORGACCMM solicitoulle ao grupo parlamentar do BNG a presentación e inciativas parlamentares encamiñadas a parar este roubo e para  acadar unha lei de montes veciñais que reforze o carácter xermánico destas terras e que posibilite o desenvolvemento dos montes veciñais de xeito multifuncional e sustentabel e ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega no seu conxunto.

A segunda das cuestións que lle prantexou a ORGACCMM ao deputado e a deputada do grupo parlamentar do BNG foi acerca do estudo sobre os altos valores de conservación dos montes que esta facendo a Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal. Se ben pódese considerar que as cuestións medioambientais que prantexa este estudo poden ser aceptabeis, este non contempla a participación dos titulares destes montes, de altos valores de conservación, na elaboración destes criterios como tampouco contempla as compensacións xustas que deben recibir os titulares destes montes porque da función medioambiental que cumplen se beneficia a sociedade no seu conxunto. A ORGACCMM solicitoulle ao grupo parlamentar do BNG a presentación de iniciativas parlamentares de cara a eliminar estas eivas.

A terceira e última cuestión que a ORGACCMM lle prantexou ao grupo parlamentar do BNG  foi a presentación de iniciativas parlamentares para que a liña de axudas para a prevención e defensa contra os lumes forestais sexa efectiva no combate contra esta lacra. Para que sexan publicadas en tempo para que os traballos de prevención se poidan facer antes do mes de maio, para que se revise a superficie mínima do monte para poder ser beneficiario da axuda e para que se modifiquen os criterios técnicos  para poder acollerse a estas axudas, xa que tal e como están ate agora  só son válidos para aqueles montes carentes de xestión .

O deputado Luis Bará e a deputada Montserrat Valcarce, do grupo parlamentar do BNG, amosaron a súa plena disposición a presentar diversas iniciativas parlamentares referentes as cuestións tratadas na reunión.

 

  Reunións cos partidos políticos galegos

REUNION COS PARTIDOS POLITICOS GALEGOS PARA SOLICITARLLES A
PRESENTACIÓN DE MOCIONS NOS CONCELLOS EN DEFENSA DOS MONTES VECIÑAIS

O pasado venres, 11 de Outubro de 2024, a Organización Galega de comunidades de montes (ORGACCMM) ven de reunirse co PSOE para solicitarlles a presentación de mocións nos concellos de Galiza para a defensa dos montes veciñais en man común. O BNG excusou a sua axistencia por motivos de axenda e o PP non asistiu á reunión .

Na reunión a ORGACCMM solicitoulle ao PSOE a presentación, nos concellos onde teñen representación, de mocións para instar á Consellaría do medio rural e aos partidos políticos de Galiza co fin que que na nova lei de montes veciñais se contemple:

  1. Reforzar o carácter xermánico dos montes veciñais.
  2. Considerar a veciñanza como único requisito para gozar dos dereitos dos montes veciñais.
  3. Declarar como nulos de pleno dereito todos os actos e negocios xurídicos,  así como as posteriores transmisións, levados adiante sen autorizacións das comunidades de montes.
  4. Non dotar as comunidades de montes de personalidade xurídica.
  5. Reforzar a capacidade xurídica das comunidades de montes para a realización de todos aqueles actos e negocios xurídicos vinculados a xestión e defensa dos recursos dos montes veciñais e dos intereses da veciñanza comuneira.
  6. Mantemento dos xurados provinciais de clasificación de montes veciñais.
  7. Declarar as comunidades de montes como entidades de interese social e da utilidade pública .

Tamén se lle solicitou que na parte resolutiva da moción se instase ao goberno central que:

  1. Se recoñoce aos montes veciñais en man común como titulares distintas e en pé igualdade coas titularidades públicas e privadas.
  2. Considerar a todos os efectos que a plena capacidade xurídica das comunidades de montes veciñais en man común e similar a personalidade xurídica para todos os actos e negocios xurídicos vinculados os multiples recursos dos montes veciñais e a defensa dos intereses da veciñanza comuneira .

O PSOE manifestou que levará esta solicitude os seus órganos de goberno e da súa decisiçión informará a ORGACCMM.

Convocatoria ás forzas políticas galegas para defender o monte veciñal

A Organización Galega de Comunidades de montes (ORGACCMM) ven de convocar aos/ás responsables de política municipal dos partidos políticos galegos a unha reunión para solicitarlles que presenten nos concellos de Galiza unha moción na que se inste a Consellaría do Medio Rural a que na nova lei de montes veciñais en man común, que está elaborando, se reforze o carácter xermánico destas terras e se potencie que o desenvolvemento dos seus múltiples recursos. Uns montes veciñais que, ademais de ser sustentabeis, deben leven desenvolverse no eido da defensa dos intereses da veciñanza comuneira e das maiorias sociais do pobo galego.

O documento base, con que esta a traballar a Consellaría do Medio rural para a elaboración da nova lei de montes veciñais, denominase “Libro Branco sobre a reforma da regulación dos montes veciñais en man común da comunidade autónoma de Galicia”. Este documento prantexa abertamente a eliminación das características das titularidades  xermánicas (inalienabilidade, imprescritibilidade, indivisibilidade e inembargabilidade). Prantexa a desnaturalización destas terras comunitarias para incluílas no tráfico do comercio. É decir,  para que os montes veciñais en man común poidan ser vendidos, mercados, transmitidos , divididos ou embargados. En definitiva para que os montes veciñais en man común poidan serlle roubados á veciñanza comuneira, quen son os seus lexítimos titulares dende tempos inmemoriais.

Os montes veciñais en man común por ser titularidades de carácter xermánico son terras abertas. Debido a isto, das funcións medioambientais que cumplen (combate o cambio climático, regula o ciclo das augas, preserva a biodiveridade, conserva a flora e a fauna,…) benefíciase toda a sociedade no seu conxunto. O mesmo pódese dicir das funcions sociais que tamén cumplen (defensa da paisaxe, conservación de restos patrimoniais, roteiros de senderismo,…).

Os concellos son a representación democrática da veciñanza das parroquias que os conforman. Xa que logo, estas administracións locais teñen un importante papel que cumplir para que os montes veciñais en man común sigan sendo o que sempre foron, terras comunitarias da veciñanza comuneira, que por ser titularidades  de carácter xermánico son terras abertas e, por tanto, de interese social e de utilidade pública.

Na reunión convocada cos partidos políticos galegos a ORGACCMM entregaralle os puntos fundamentais que deberian contemplar as mocións para que se recollan na futura lei de montes veciñais en man común que se aprobará no Parlamento Galego .

A reunión terá lugar o dia venres 11 de Outubro as 18 horas na casa da comunidade de montes de Noalla (Sanxenxo).