Proxecto piloto no Xistral: os incentivos ás comunidades de montes conservan a biodiversidade

Un estudo aposta pola xestión comunal, a gandaría tradicional e as bestas para protexer hábitats ameazados.

“O Pago por Resultados de Conservación ás comunidades de montes pode ser o futuro para as persoas que desenvolven as súas actividades gandeiras en zonas naturais protexidas de Galicia, como a Rede Natura 2000, e ás que se lles recoñece un papel fundamental na súa conservación”. Esta é unha das conclusións “máis destacadas” do Informe Layman, un documento recentemente publicado e que pasa revista ao proxecto LIFE in Common Land: Xestión en común da terra, un modelo sostible de conservación e desenvolvemento rural en Zonas Especiais de Conservación. Esta iniciativa, cofinanciada por LIFE Natureza e Biodiversidade da Unión Europea, desenvolveuse en 11 montes veciñais en man común do Espazo Rede Natura 2000 Serra do Xistral que ocupan unhas 11.000 hectáreas. A iniciativa está coordinada pola Deputación de Lugo e participan como socios a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade da Coruña (UDC).

O Informe Layman detalla os traballos e resultados obtidos a través da colaboración entre os axentes implicados na conservación do Espazo Rede Natura 2000 Serra do Xistral, situada no norte de Lugo. O traballo tamén alerta do risco de extinción do ecosistema. E lanza un urxente SOS: “Conservar para as xeracións futuras hábitats tan importantes como as turbeiras e os breixos húmidos da Serra do Xistral require dunha aposta urxente pola xestión comunal, os sistemas tradicionais de gandería e os cabalos salvaxes”. O proxecto LIFE in Common Land desenvolto en Galicia aposta polo innovador Modelo de Xestión por Resultados de Conservación, que se aplica no territorio a través de Proxectos de Ordenación Forestal dos Montes e que trata de integrar as actividades gandeiras e o manexo tradicional dos cabalos salvaxes coa conservación de hábitats.

Este modelo inclúe a protección e conservación do ecosistema na xestión que as comunidades de montes realizan nos seus terreos. “E non o fan como algo imposto, senón poñendo en valor e recoñecendo a función que bestas e gando vacún cumpren para manter estes espazos de montaña en Galicia”, destacan os autores do informe, que estima que na Serra do Xistral existe unha poboación estimada de 1.500-2.000 cabalos salvaxes. O novo Modelo de Xestión por Resultados de Conservación, á súa vez, conta cunha ferramenta que xa é realidade. O Informe Layman cre que o Pago por Resultados de Conservación que “se logrou implementar” ás comunidades de montes da Serra do Xistral cunha cantidade económica recibida que alcanzou os 300.000 euros, representa “un cambio de fronte ao futuro”. Por que? “Porque estes pagos poden ser o futuro para estas persoas que desenvolven as súas actividades gandeiras en zonas protexidas e ás que se lles recoñece un papel fundamental na súa conservación”, indica o traballo que realizou 54 enquisas e 32 entrevistas a comuneiros e besteiros. O pago realizouse en función da superficie e estado de conservación dos hábitats obxecto do proxecto: turbeiras de cobertor, turbeiras altas activas e breixos húmidos atlánticos.

Éxito en Europa

O Pago por Resultados de Conservación é un modelo exitoso noutras zonas de Europa. O programa Burren en Irlanda “é sen dúbida o exemplo máis notable”, comentan os autores do Informe Layman. A filosofía desta ferramenta é clara e sinxela: “Os comuneiros non só producen alimentos, senón que tamén garanten a biodiversidade dos hábitats que xestionan e reciben un pago por iso”. “De gandeiros a gardiáns da biodiversidade, un rol valorado pola sociedade e polo cal recibirán un pago”, comentan ao unísono os integrantes do equipo que traballou durante cinco anos na Serra do Xistral e que está formado por Luís Fernández Reija Andrea Macho Benito (Deputación de Lugo); Ramón A. Díaz VarelaEmilio R. Díaz VarelaCésar A. Blanco Arias e R. Alfonso Laborda Bartolomé (Universidade de Santiago de Compostela); Jaime Fagúndez DíazLaura Lagos AbarzuzaFlávia Cardoso CanastraCarlos Muñóz Barcia, Manuel Pimentel Pereira e Elvira C. Sahuquillo Balbuena (Universidade da Coruña); Boris Hinojo Sánchez, Marcos Rubinos Román e Ángela Saa Martínez (3edata) e Iñaki Cortés Bea Iraburu (Kaizen Eureka).

“Pensemos en todos os cambios que implica o Pago por Resultados de Conservación”, reiteran os autores do Informe Layman, que lembran que suporía “un cambio na valoración da Rede Natural 2000, de limitacións a un patrimonio natural que os propios comuneiros conservan a través da súa propia actividade”. A implantación desta ferramenta noutras zonas de Europa xerou e desenvolveu marcas de bens e produtos de agricultura e gandería asociados á conservación da biodiversidade. Por exemplo: carne, produtos lácteos, mel, viños ou sidra.

A continuidade a través da PAC

O Informe Layman e, por conseguinte, o proxecto LIFE in Common Land: Xestión en común da terra, un modelo sostible de conservación e desenvolvemento rural en Zonas Especiais de Conservación cre que está pendente unha última fase que considera “necesaria” e que, á súa vez, reclaman as comunidades de montes participantes nesta iniciativa que conta co respaldo financeiro da UE. Cal é ese último paso? “Dar viabilidade e continuidade a este sistema de pagos por medio dos Plans Estratéxicos da Política Agracia Común (PAC)”. O Modelo de Xestión por Resultados de Conservación de hábitats de LIFE in Common Land “converteríase así nunha opción de futuro para as persoas que van seguir habitando e conservando a Serra do Xistral e outras zonas da Rede Natural 2000 en Galicia”.

LIFE in Common Land realizou tamén accións de mellora e restauración de hábitats. Os técnicos do proxecto destacan con orgullo a súa actuación estrela: a eliminación de piñeirais para a restauración de turbeiras de cobertor. “Outra xestión é posible”, asegura o equipo de investigadores, que recorreu a técnicas innovadoras e que destaca que “o importante é facer ver os gandeiros que traballan nestes montes que restaurando hábitats gañamos todos”. Os hábitats sensibles das turbeiras teñen a propiedade de capturar o carbono que se libera á atmosfera. “Pero actualmente atópanse en risco”. O Informe Layman, neste sentido, propón “implementar novas ferramentas de xestión, lexislativas e proxectos de restauración” para protexer estes ecosistemas.

 

O porqué da necesidade de lexislar os Servizos do Ecosistema nos Montes Veciñais?

Que este artigo xurda da pregunta do encabezado, e comezar mal. E é comezar mal, porque, ter que xustificar a necesidade de lexislar os servizos do ecosistema (de agora en diante SE) e síntoma do descoñecemento que a sociedade en xeral ten da importancia dos mesmos, do presente que están no noso día a día, e tamén o descoñecemento que a sociedade ten do papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común no mantemento e aportación de tales Servizos, pero por magoa, así mesmo é. Este descoñecemento vai dende a propia cualificación e cuantificación dos propios SE,  á propiedade do lugar onde están a xerarse,  ó valor económico dos mesmos ou ós custos de mantemento e xeración dos mesmos.

Unha das posibles definicións de lexislación (do latín lex(lei) e latus( levado, cargado)), é “o conxunto de leis que van a determinar e regular unha materia ou un Estado, e normalmente cunha duración determinada dadas as sucesivas actualizacións que prodúcense polas adaptacións ós tempos”, de tal xeito,  (e sen ser obxecto deste artigo entrar a valorar a posible corrección ou non de tales lexislacións) que ditas leis ordenarían a vida de acotío dos cidadáns, empresas, entes, etc debendo deixar claro cales accións son correctas e cales outras son incorrectas e como poderían ser sancionadas tales incorreccións.

Máis alá das sancións que figuran en moitas leis, outra visión da lexislación necesaria nun apartado tan social coma este (que ademais sentaría bases máis sólidas de cara o futuro), sería o carácter formador e de concienciación do respecto nos encontros entre persoas, nos usos de espazos comúns, que equilibren as necesidades de tódalas partes. De aquí xurde a necesidade de lexislar en tódolos ámbitos da vida para evitar certo caos ou interpretacións singulares dos dereitos individuais.

Unha consecuencia directa da falla de lexislación é, como é lóxico, a falla de xurisprudencia que permita tratar as casuísticas concretas e as súas excepcionalidades, que hainas e moitas.

Nestes momentos xa existen varias directivas europeas que regulan os SE indirectamente , e que teñen as súas homónimas a nivel do Estado e da Galiza, como poden ser a  Directiva europea Marco da auga, Directiva dos habitats, Directiva de aves, Directiva de avaliación ambiental,  Directiva de cambio climático, Directiva de enerxías renovables, Directiva de residuos ou Directiva de avaliación ambiental estratéxica. Estas directivas teñen o seu desenrolo nas Leis de Augas, Costas, Montes, Conservación da natureza, Avaliación ambiental, Cambio climático ou de Residuos, que ó seu tempo son desenroladas polas competencias autonómicas transferidas a Galiza como son a Lei de Augas de Galicia, Lei de Ordenación do territorio, Lei do Solo…entre outras .

Case que todas estas regulacións, se ben tocan, cada unha delas, de xeito directo ou indirecto os SE, non os abordan como tal, se non seguindo o camiño inverso, levándonos a dúas conclusións directas, unha, que as leis que os regulan non os tratan dende o punto de vista de servizos do ecosistema, se non que os regulan dende un punto de vista de usos, figuras de protección ou aproveitamentos habituais do monte, e unha segunda,  que é a falla de regulación dende o punto de vista da propiedade e o que iso abrangue dende a beira económica e social, así como a interacción entre cada un deles e as súas posibles incompatibilidades.

Se ben, nos derradeiros anos, véñense dando pasos, sorprende a falla de coñecemento social, moitas vagas derivada da falla de traballo por parte das administracións, para poñer no seu lugar a importancia que para a supervivencia do planeta e polo tanto da especie humana teñen os espazos naturais que preservan os SE, dentro dos cales, na Galiza, nun lugar moi destacado, ben pola súa realidade actual ou ben polo seu potencial, as Comunidades de Montes veciñais están a cumprir o papel de abastecedoras de externalidades positivas que permiten continuar cós ritmos sociais e económicos.

Polo tanto a lexislación a aplicar, como a propia definición de Lexislación contempla, debería abordar dous puntos claves, primeiro “determinar”, definir, delimitar os SE incluíndo a  cuantificación e posta en valor dos mesmos, e por outra parte a regulación conxunta dos SE en canto a usos e a propiedade dos mesmos cos seus custos de xeración e mantemento, e o grao de aportación da sociedade a tales cuestións.

Os servizos do ecosistema, como xa comentouse en artigos anteriores, son aqueles beneficios que a natureza aporta á sociedade. Moitas das actividades que facemos acotío presentan externalidades negativas (como poden ser as emisións de co2 dos nosos vehículos) que son compensadas polas externalidades positivas que emanan por exemplo dos usos da terra nos montes veciñais.  Do coidado, mantemento e conservación no tempo destes servizos vai depender a viabilidade da sociedade e dos sistemas económicos actuais, hai algo máis importante para o ser humano?

Non sería de tolos pensar na posibilidade dunha futura “ Lei dos Servizos do Ecosistema” que como fai o Código Civil ou o Estatuto dos Traballadores, establecese un marco de outras Leis que regulan a dia de hoxe tales SE de xeito parcial.  Pero para chegar a este punto, habería que apostar por que a saúde e o benestar social, as producións sostibles e o coidado da natureza, fosen considerados de interese social prevalecendo sobre o resto de actividades. O egoísmo antropocéntrico debería ser aplicado de cheo nestes casos, xa que coidando os ecosistemas e a súa posta en valor, realmente coidámonos a nós.

O pasado 30 de decembro, o Ministerio para a Transición Ecolóxica , no RD 1057/2022, aprobou o “plan estratéxico estatal do patrimonio natural e a biodiversidade a 2030”. Neste RD agás da xustificación do mesmo recollido dos estudos de Ecosistemas do Milenio, recóllese un termo “one health”, concepto que liga a saúde das persoas e os animais á saude dos ecosistemas, isto debería ser o concepto a ter en conta para entender o que son os SE que aporta a natureza, unha “única saúde” que agrupe os seres humanos co medio.

Outro punto que recolle este RD e a “escasa integración do patrimonio natural e a biodiversidade nos diferentes sectores económicos” e “falta de coñecemento e información de actualizadas sobre especies, ecosistemas e servizos do ecosistema”, e claro que a sociedade non pode seguir vivindo de costas ás obrigas económicas cos provedores de SE.

Estes dous puntos, a lo menos, recollen inquedanzas claras, outra cousa será ver como chegan á “terra”. Pero con todo ser unha boa iniciativa, o meu parecer, non debe ser preciso que un espazo sexa rede natura, nin ter outra figura de protección para que sexan cuantificados e monetizados os SE que a natureza aporta á sociedade.

Para ser conscientes da importancia dos SE imaxinemos que nun territorio determinado (por exemplo Galiza), toda a súa superficie e dedicada a produción industrial, empresas e máis empresas, que son viables, que xeran centos de miles de postos de traballo, e que teñen toda a produción vendida, e o noso PIB saíndose dos gráficos positivos. Deste xeito o territorio, estaría destinado á produción e as vivendas e servizos básicos para os traballadores de tales empresas, nada máis.

Pero serían Quen de soportar Galiza e os seus habitantes unhas condicións de vida así?, e en caso positivo, por canto tempo? Semella imposible, inhabitable e inelixible.

 

Chegado este punto, si para poder producir, alguén ten que compensar esas externalidades negativas procedentes da produción, en que propiedades faise esa compensación? Quen pode garantir unha continuidade no tempo de tales actuacións? Deben os servizos do ecosistema formar parte da contabilidade das empresas?

O Código Civil, recolle, de xeito xenérico, dous tipos de propiedade, a pública e a privada, deixando pechada unha terceira vía, que como acontece no país veciño, Portugal, recolle a propiedade comunitaria, que é onde encaixarían as CM veciñais pola súa orixe xermánica.

O tipo de propiedade e moi relevante falando dos SE porque, os SE non son produtos que estéanse a xerar dun día cara outro, os SE precisan de anos, nalgúns casos séculos, para chegarse a desenrolar. A propiedade dos montes veciñais e invendible, indivisible e inembargable, polo tanto non debería estar exposta a especulacións sobre a terra, e digo debería, porque algunhas das novas lexislacións, usando a “ declaración de interese público” as fan pasar a mans privadas tendo en conta simplemente o carácter do binomio produtivo-privado.

Pero dito isto, hai algo que sexa de máis interese público que a conservación e equilibrio do medio no que nos habitamos? Pois semella que non! Outros tipos de propiedades privadas non son Quen de garantir esa continuidade no tempo, de ai a importancia de manter os SE baixo o paraugas da propiedade comunitaria baseada nas orixes xermánicas.

Se analizamos as necesidades que as empresas e a sociedade teñen dos diferentes SE, e se chegamos a conclusión que ninguén pode producir ou consumir, si a natureza non o pode soportar, e para soportalo aportación que os SE fan, é imprescindible para ás empresas e ás Administracións, estas  deberían ter ós SE na consideración dun provedor máis e polo tanto asumir os costes que iso supón. Por primeira vaga, unha directiva europea, a  2022/2464 de 14 de decembro de 2022, semella dar o primeiro paso firme para que as políticas de sustentabilidade entre de cheo na contabilidade das empresas, agrademos que tamén esta medida chegue á “Terra”.

 

O que non parece lóxico é qué a día de hoxe a responsabilidade, custos e traballo para xerar e manter unha boa parte dos SE que a sociedade precisa na Galiza, sexa das Comunidades de Montes Veciñais e diría máis, tampouco parece lóxico que a responsabilidade de facer cumprir a lexislación xa existente por parte dos usuarios, recaia tamén nas CM veciñais.

Neste momento a realidade a pé do terreo,é que o consumo de SE por parte da sociedade e entes en xeral e masivo, pero o mesmo tempo esta sociedade e tódolos seus actores están totalmente de costas ós espazos que fan posible que inda mantéñase un pouco de equilibrio ambiental en Galiza. Haberá que deixarlle claro a todos os consumidores de SE, que a limpeza do ar, o auga que bebemos, os espazos de ocio, o aprovisionamento de consumibles sustentables, o control da erosión, a biodiversidade, etc etc saen da xestión das Comunidades de montes veciñais que máis que nunca precisan de un recoñecemento e apoio social.

Por todo isto urxe unha Lei dos Servizos do ecosistema que: sirva de marco de resto de Leis medioambientais, que cuantifique, valore e monetice tales servizos, que regule o pago por estos servizos que cubran o mantemento dos espazos que os xeran, analizando os SE  de forma conxunta e que, o mesmo tempo  regule a interacción entre si dos diferentes usos e aproveitamentos derivados dos SE, para evitar, que a recollida dos beneficios que un servizo produce, derive en danos para outro SE. Está lei debería incidir tamén na formación e información continua sobre os cativos e os adultos, con exixencias de coñecemento.

Non hai nada máis importante que o noso medio, e para iso hai que coñecelo, valoralo e compensalo….

…… o resto,

……. son perdas de tempo.

Convocatoría Asemblea Xeral ordinaria

 Convocatoría Asemblea Xeral ordinaria:

  • SABADO 18 DE MARZO
  • AUDITORIO MUNICIPAL DE GOIAN (TOMIÑO)
  • AS 10´00 HORAS 

ORDE DO DIA:

  1. LECTURA E APROBACIÓN DO ACTA ANTERIOR
  2. ALTAS E BAIXAS NO CENSO DE COMUNIDADES.
  3. APROBACIÓN ,SE PROCEDE, DO INFORME DE XESTIÓN DA XUNTA REITORA.
  4. APROBACIÓN, SE PROCEDE, DO ESTADO DE CONTAS E DA CUOTA PARA O 2023.
  5. POSTURA A TOMAR LOGO DO REXEITAMENTO NO PARLAMENTO GALELGO DA INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR –LEI DE MONTES VECIÑAIS .
  6. INFORACIÓN DE LEIXES E MODIFICACIÓNS DE LEIXES RELACIONADAS COS MONTES VECIÑAIS .
  7. CREACIÓN ,SE PROCEDE ,DE UNHA ENTIDADE PARA COMERCIALIZAR CONXUNTAMENTE A CAPTURA DE CO2 DOS MONTES VECIÑIAIS.
  8. PROPOSTAS E PREGUNTAS .

Esta asemblea xeral esta aberta a todas as comunidades de montes que queiran asistir.