Comunicado de prensa · 17 de outubro de 2026 · Santiago de Compostela
A organización representativa do monte veciñal galego denuncia que a Xunta pretende tramitar o texto sen abrir o trámite preceptivo de información pública no Diario Oficial de Galicia (DOG), confundindo a Consulta Previa coa exposición do articulado. A ORGACCMM esixe a retroacción das actuacións, que as faixas de protección sexan asumidas como infraestruturas públicas, a blindaxe do monte veciñal fronte a expropiacións, a reorientación de Seaga e a creación dun Observatorio Galego de Xestión do Territorio e Incidencia de Lumes do Territorio.
A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM), representada pola súa xunta reitora e a súa presidenta, tivo presentada formalmente ante a Consellería do Medio Rural unha impugnación procedimental e un completo paquete de alegacións e emendas ao Anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia. A entidade esixe a suspensión inmediata do expediente e a retroacción das actuacións para a apertura formal do trámite preceptivo de audiencia e información pública no Diario Oficial de Galicia (DOG), omitido de xeito irregular pola Administración autonómica.
«O presente escrito de alegacións e emendas fundaméntase na necesidade de corrixir un modelo normativo que incorre nunha grave incoherencia xurídica, nun desequilibrio territorial e nunha flagrante irregularidade procedimental. A Consellería confunde deliberadamente a Consulta Pública Previa —realizada no Portal de Transparencia antes de escribir o texto— co Trámite de Audiencia e Información Pública sobre o borrador dos 130 artigos, impedindo á cidadanía e ás comunidades de montes alegar con garantías contra expropiacións, sancións e cargas inxustas. Esiximos a retroacción do expediente e a publicación oficial no DOG, ademais de corrixir o carácter extremadamente punitivo do Anteproxecto para centrarse en solucións estruturais e preventivas.»
Eixos e blocos fundamentais das emendas e da impugnación presentada
- Impugnación procedimental e vulneración da información pública no DOG: Denúnciase a infracción directa do artigo 133.2 da LPACAP e do artigo 25 da Lei 1/2016 de Galicia. A Consellería pretendeu dar por cumprida a participación cidadá cunha consulta previa xerada antes de redactar o articulado. Esíxese a retroacción das actuacións e a apertura formal do trámite no DOG, baixo vicio de nulidade de pleno dereito (artigo 47.1.e da Lei 39/2015).
- Financiamento e execución pública das infraestruturas preventivas (arts. 4.n, 20 e 39.2): Resulta un contrasenso administrativo declarar as faixas de seguranza como infraestruturas públicas de utilidade pública e protección civil e pretender que o seu mantemento sexa un tributo privado. A ORGACCMM esixe que a súa execución sexa asumida integramente pola Administración ou mediante convenios directos plurianuais dotados orzamentariamente coas CMVMC.
- Inconstitucionalidade da expropiación e embargo de montes veciñais (art. 52): Dado que o monte veciñal en man común é unha propiedade colectiva xermánica, inalienable, inembargable, imprescritible e indivisible por mandato constitucional (art. 132.2 CE), a ORGACCMM esixe a inclusión dunha cláusula de salvagarda que exclúa expresamente o monte veciñal da expropiación forzosa ou cesión ao Banco de Terras por débedas de limpeza de faixas.
- Redefinición e reconversión de Seaga (artigo 15): Fin do uso de Seaga como instrumento de cobro e execución subsidiaria coercitiva; adaptación da súa actividade á execución de medidas públicas preventivas con orzamento público e á posta en valor do monte en réxime de libre concorrencia competitiva, xunto cunha xestión cautelar estritamente transitoria para montes sen comunidade constituída.
- Creación do Observatorio Galego de Xestión do Territorio e Incidencia de Lumes do Territorio e informes para a Fiscalía (artigo 96): Superar o enfoque puramente policial e penalizador para atribuír ao Observatorio Galego a diagnose técnica e científica das causas estruturais dos lumes do territorio (abandono rural, falta de Mosaico Territorial e mantemento deficiente de infraestruturas). O Observatorio será ademais o encargado de subministrar de xeito transparente os informes periciais obxectivos á Fiscalía Delegada de Medio Ambiente e publicar visores GIS de datos abertos.
- Responsabilidade en infraestruturas enerxéticas e de transporte (artigo 82.4): Incluír no rexistro público de datos sobre os lumes do territorio a estatística detallada dos lumes orixinados por chispazos, avarías, arcos eléctricos ou falla de mantemento en liñas eléctricas, vías férreas, estradas, autovías, parques eólicos e solares, identificando a empresa ou Administración titular e cuantificando os danos económicos e ambientais reais.
- Cultura de prevención no currículo escolar obrigatorio (artigo 81.3): Adaptación dos decretos curriculares en Educación Primaria e ESO para incorporar contidos obrigatorios sobre a cultura preventiva, a xestión do Mosaico Territorial, a propiedade xermánica do monte veciñal e a valoración integral dos servizos ecosistémicos (auga, solo, biodiversidade e humidais).
- Participación cidadá obrigatoria na planificación territorial (artigos 14, 24.3, 25.1 e 26.1): Garantir a participación cidadá no DOG e o informe preceptivo das Asembleas de comuneiros na elaboración, actualización e revisión do PLIFOGA, dos Plans Preventivos de Distrito e dos Plans Municipais.
«Non se pode tramitar unha lei de costas á cidadanía nin criminalizar a propiedade veciñal e as vítimas dos lumes do territorio. É imprescindible substituír o autoritarismo procedimental e o castigo pola cooperación real e a transparencia. A Xunta de Galicia debe retrotraer o procedemento, abrir a exposición pública no DOG e contar coas Comunidades de Montes Veciñais para construír un territorio protexido e resiliente.»
Documentos presentados
- Alegación procedemento Anteproxecto lei contra incendios forestais (PDF)
- Alegacións e Achegas ao articulado do Anteproxecto de Lei contra incendios forestais (PDF)
Para máis información e contacto con medios de comunicación:
Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) · Gabinete de Prensa e Comunicación
Correo: info@orgaccmm.gal · Web: orgaccmm.gal

