ANTEPROXECTO DE LEI CONTRA OS LUMES: O MESMO PERO PEOR

Na reunión do Consello Forestal, que tivo lugar o pasado martes día 22 de setembro, a Consellaría do medio rural presentou o anteproxecto da lei de loita contra os lumes. E nunha mostra de talante antidemocrático, informou de que o anteproxecto non sería sometido a consulta pública. Só por mor do posicionamento case unánime das entidades que conforman o Consello Forestal aceptou, aínda que de xeito moi restrinxido, que estas puidesen presentar suxestións ao articulado do anteproxecto. É dicir, diante dunha lei que afectará a máis de ⅓ do territorio galego, soamente se poderán presentar achegas, de xeito indirecto, a través dos grupos parlamentares cando o anteproxecto de lei se tramite no Parlamento Galego para a sua aprobación definitiva.

O anteproxecto de lei contra os lumes é máis do mesmo. A Consellaría do medio rural segue entendendo que os lumes son unha praga que ven todos os veráns e non propón ningunha medida para erradicar as causas estruturais, que son as que provocan os lumes. Causas como a non ordenación do territorio, o monocultivo forestal con especies pirófitas, a desordenación das masas boscosas, a aposta polos aproveitamentos forestalistas e produtivistas, o abandono do medio rural, a despoboación… Non semella moi acaído que, ante un problema onde as alternativas que se propuxeron non deron resultado, se insista nas mesmas alternativas.

O anteproxecto da lei contra os lumes segue entendendo que a prevención da loita contra os lumes consiste en ter os montes limpos, as pistas forestais arranxadas, os puntos de auga prestos e na xestión da biomasa forestal. De feito poderíase dicir que este anteproxecto é un decreto de xestión da biomasa forestal cun réxime sancionador. Evidentemente as accións antes citadas son medidas preventivas, pero non son suficientes. A principal medida preventiva contra os lumes é a de camiñar cara un medio rural multifuncional e sustentábel, onde os titulares das terras sexan os principais protagonistas desta posta en valor. E, sobre isto, o anteproxecto de lei nada fala.

No que respecta aos montes veciñais e ás comunidades de montes, o anteproxecto de lei contra os lumes aínda é máis negativo. De feito, considera que os montes veciñais non xeran servizos ecosistémicos, repercute nas comunidades de montes a xestión da biomasa forestal arredor das vivendas que invadiron os montes veciñais (e que na maioría do casos foron construídas ilegalmente) e non contempla a presencia das comunidades de montes na elaboración dos planos de prevención dos concellos e dos distritos forestais. Este anteproxecto contempla tamén que os titulares dos montes que padezan lumes teñan que pagar os gastos de extinción. Pero non porque lle prendan o lume, que podía ser aceptable, senón cando a criterio da Consellaría do medio rural os titulares dos montes, por acción ou por inactividade, propaguen os lumes, favorezan a sua propagación ou a sua intensidade.

Ante estes argumentos ambiguos e interpretativos, serán os distritos forestais, converténdose en xuíz e parte, os que decidan cando se apliquen estes criterios e os que impoñan a sanción. É dicir, ante unha ineficacia e unha mala planificación na loita contra o lume, na faceta de extinción, que é de responsabilidade exclusiva da Consellaría do medio rural, esta culpará aos titulares dos montes. Non parece moi de xustiza social esta indefensión das comunidades de montes. Esta proposta arbitraria amosa claramente que para a Consellaría do medio rural a problemática dos lumes non é un problema para o conxunto da sociedade galega senón dos titulares dos montes. Esquecendo adrede que os montes veciñais cumpren funcións medioambientais e sociais que benefician á sociedade no seu conxunto e, xa que logo, ten que ser a Consellaría do medio rural o principal actor na loita contra os lumes. Loita que ten que facerse con políticas e con medios acaídos; é dicir, con políticas e medios radicalmente distintos dos que leva adiante a Consellaría do medio rural.

Para a Organización Galega de comunidades de montes (ORGACCMM) o anteproxecto de lei contra os lumes é totalmente negativo para o medio rural, para as comunidades de montes e para a veciñanza comuneira. É unha proba máis da intención da Consellaría do medio rural de que a veciñanza comuneira abandone a xestión dos seus montes veciñais para que sexan entregados a empresas privadas. Diante desta situación, a ORGACCMM fai un chamamento ás comunidades de montes para que manifesten publicamente o seu rexeitamento e para que dirixan escritos á Consellaría do medio rural, solicitándolle que o anteproxecto de lei contra os lumes sexa aprobado mediante un proceso democrático e participativo. É dicir, que o anteproxecto de lei contra os lumes, antes do seu debate parlamentar, volva ao consello forestal para a presentación de achegas, se someta a consulta pública e, antes de chegar ao Parlamento Galego, se dite o informe preceptivo do Consello Económico e Social de Galiza.

ORGACCMM

Aprazamento Asemblea Xeral

Dada a declaración do estado de alarma, vémonos na obriga de suspender a vindeira  Asemblea Xeral Ordinaria que se ía celebrar o vindeiro sábado 28 no CSCD As Pedriñas en Tameiga (Mos).

Agardando que todo vaia ben pola vosa parte, un forte saúdo. Fiquemos na casa!.

Saúde e Terra!!

 

Compensación da pegada de carbono

Informamos dunha xornada formativa que vai ter lugar en Vincios, Gondomar, o sábado 13 de abril por se fose do voso interese:

Enviamos información sobre a  Xornada Formativa “Compensación da pegada de carbono”, enmarcada dentro do Proxecto TROCO2, que terá lugar o vindeiro 13 de abril no Centro Cultural de Vincios.

A inscrición poderá facerse, ademais de por correo electrónico como indica o folleto, chamando ao teléfono 986 46 96 92 en horario de 9:00 a 14:00h.

Descargar folleto

Asemblea en Lobios 23/03

O sábado día 23 levouse a cabo a asemblea anual da ORGACCMM, dsta volta en Lobios. Contou cunha nutrida asistencia de máis de 90 persoas repreentantes das CCMM da zona e do resto de Galicia.

Foron tratados interesantes temas entre os que destaca a proposta da Lei de Montes que se quere impulsar dende a ORGACCMM e da reversión de patrimonio que é unha ameaza máis das CCMM.

Nova versión do Borrador da Lei de Montes

Non podemos agardar a que nos diten unha normativa que afecte aos Montes de propiedade Comunitaria sen contar con nós.

 

É por iso que a ORGACCMM marcouse como obxectivo a redación dun texto normativo que recolla os principios básicos que levamos defendendo dende hai anos, así como os nosos propios intereses.

Logo dunha primeira volta ao rascuño da poposta de lei, achegámosvos un segundo texto. Este texto segue aberto a enmendas que podedes enviar ao correo do presidente.

IIºVERSION DO TEXTO DE PROPOSTA DE LEI DE MONTES VECIÑAIS

CORREO DE COMUNICACIONS: xapegonda@gmail.com

Discurso de clausura de Xesús Balboa

A retransmisión foi en directo pero podes ver o video do acto de clausura do VI Congreso de Comunidades de Montes, incluída a conferencia de Xesús Balboa, Doutor en Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela (1990), coa tese O monte en Galicia, séculos XIX e XX. Problemas xurídico-administrativos e individualización campesiña, dirixida polo Profesor Ramón Villares Paz. É profesor titular do Departamento dende 1991. Aquí:

 

https://www.facebook.com/orgccmm.organizaciongalegademontes/videos/1738034172942970/

Apoio á mobilización do 3 de xuño

A Mesa Galega pola caza decidiu incluír no manifesto da mobilización a proposta da ORGACCMM de :

Os montes veciñais son titularidades da veciñanza comuneira.Non a sua privatización nen a sua incautación.
Por un monte e un medio rural vivo(multifuncional e sustentabel) .
É por iso que a ORGACCMM tomou a decisión de apoiar a mobilización do 3 de xuño (as 12 da mañan con saida da Alameda de  Compostela )  na defensa do medio rural, convocada pola Mesa Galega pola caza.