Na reunión do Consello Forestal, que tivo lugar o pasado martes día 22 de setembro, a Consellaría do medio rural presentou o anteproxecto da lei de loita contra os lumes. E nunha mostra de talante antidemocrático, informou de que o anteproxecto non sería sometido a consulta pública. Só por mor do posicionamento case unánime das entidades que conforman o Consello Forestal aceptou, aínda que de xeito moi restrinxido, que estas puidesen presentar suxestións ao articulado do anteproxecto. É dicir, diante dunha lei que afectará a máis de ⅓ do territorio galego, soamente se poderán presentar achegas, de xeito indirecto, a través dos grupos parlamentares cando o anteproxecto de lei se tramite no Parlamento Galego para a sua aprobación definitiva.
O anteproxecto de lei contra os lumes é máis do mesmo. A Consellaría do medio rural segue entendendo que os lumes son unha praga que ven todos os veráns e non propón ningunha medida para erradicar as causas estruturais, que son as que provocan os lumes. Causas como a non ordenación do territorio, o monocultivo forestal con especies pirófitas, a desordenación das masas boscosas, a aposta polos aproveitamentos forestalistas e produtivistas, o abandono do medio rural, a despoboación… Non semella moi acaído que, ante un problema onde as alternativas que se propuxeron non deron resultado, se insista nas mesmas alternativas.
O anteproxecto da lei contra os lumes segue entendendo que a prevención da loita contra os lumes consiste en ter os montes limpos, as pistas forestais arranxadas, os puntos de auga prestos e na xestión da biomasa forestal. De feito poderíase dicir que este anteproxecto é un decreto de xestión da biomasa forestal cun réxime sancionador. Evidentemente as accións antes citadas son medidas preventivas, pero non son suficientes. A principal medida preventiva contra os lumes é a de camiñar cara un medio rural multifuncional e sustentábel, onde os titulares das terras sexan os principais protagonistas desta posta en valor. E, sobre isto, o anteproxecto de lei nada fala.
No que respecta aos montes veciñais e ás comunidades de montes, o anteproxecto de lei contra os lumes aínda é máis negativo. De feito, considera que os montes veciñais non xeran servizos ecosistémicos, repercute nas comunidades de montes a xestión da biomasa forestal arredor das vivendas que invadiron os montes veciñais (e que na maioría do casos foron construídas ilegalmente) e non contempla a presencia das comunidades de montes na elaboración dos planos de prevención dos concellos e dos distritos forestais. Este anteproxecto contempla tamén que os titulares dos montes que padezan lumes teñan que pagar os gastos de extinción. Pero non porque lle prendan o lume, que podía ser aceptable, senón cando a criterio da Consellaría do medio rural os titulares dos montes, por acción ou por inactividade, propaguen os lumes, favorezan a sua propagación ou a sua intensidade.
Ante estes argumentos ambiguos e interpretativos, serán os distritos forestais, converténdose en xuíz e parte, os que decidan cando se apliquen estes criterios e os que impoñan a sanción. É dicir, ante unha ineficacia e unha mala planificación na loita contra o lume, na faceta de extinción, que é de responsabilidade exclusiva da Consellaría do medio rural, esta culpará aos titulares dos montes. Non parece moi de xustiza social esta indefensión das comunidades de montes. Esta proposta arbitraria amosa claramente que para a Consellaría do medio rural a problemática dos lumes non é un problema para o conxunto da sociedade galega senón dos titulares dos montes. Esquecendo adrede que os montes veciñais cumpren funcións medioambientais e sociais que benefician á sociedade no seu conxunto e, xa que logo, ten que ser a Consellaría do medio rural o principal actor na loita contra os lumes. Loita que ten que facerse con políticas e con medios acaídos; é dicir, con políticas e medios radicalmente distintos dos que leva adiante a Consellaría do medio rural.
Para a Organización Galega de comunidades de montes (ORGACCMM) o anteproxecto de lei contra os lumes é totalmente negativo para o medio rural, para as comunidades de montes e para a veciñanza comuneira. É unha proba máis da intención da Consellaría do medio rural de que a veciñanza comuneira abandone a xestión dos seus montes veciñais para que sexan entregados a empresas privadas. Diante desta situación, a ORGACCMM fai un chamamento ás comunidades de montes para que manifesten publicamente o seu rexeitamento e para que dirixan escritos á Consellaría do medio rural, solicitándolle que o anteproxecto de lei contra os lumes sexa aprobado mediante un proceso democrático e participativo. É dicir, que o anteproxecto de lei contra os lumes, antes do seu debate parlamentar, volva ao consello forestal para a presentación de achegas, se someta a consulta pública e, antes de chegar ao Parlamento Galego, se dite o informe preceptivo do Consello Económico e Social de Galiza.
ORGACCMM

