A ORGACCMM comeza unha nova etapa coa renovación da súa xuntareitora.

NOVOS TEMPOS MÁIS DIVERSOS E INCLUSIVOS PARA CONTINUAR NADEFENSA DOS NOSOS MONTES VECIÑAIS.

No pasado VIII Congreso Galego de Comunidades de Montes, celebrado os
días 23 e 24 de maio do 2026, no concello de Allariz, a Organización Galega de
Comunidades de Montes Veciñais (ORGACCMM) renovou a súa actual xunta
reitora, na sucesiva asemblea xeral de carácter extraordinario, para dar paso a
unha nova etapa máis inclusiva e diversa onde por primeira vez existe unha
paridade nos seus principais cargos e onde por primeira vez o cargo de
presidencia pasa a mans dunha muller.


Despois de máis de 25 anos de loita e defensa aos ataques e conflitos sufridos
nos nosos montes veciñais en man común a ORGACCMM, representada polo
seu valeroso presidente Xosé Alfredo Pereira Martínez (“Pepe de Sabarís»),
cede o seu cargo máis representativo de presidencia a Generosa Gey Piñeiro,
pasando a ser na actualidade a nova presidenta ao fronte.


Deste xeito conséguese acadar o que se leva anos defendendo e apoiando nas
xuntas reitoras das diferentes comunidades de montes de todo o país, que é a
incorporación das mulleres coma comuneiras e a incorporación das mulleres
nesas xuntas reitoras para acadar en conxunto unha xestión máis diversa e
representativa. Para a ORGACCMM acadar unha paridade nos actuais cargos
principais da súa xunta reitora é un gran orgullo, sendo o resultado dun
excelente traballo anterior feito con dedicación e respecto.

Nesta nova etapa da Organización Galega de Comunidades de Montes
Veciñais, moi ao contrario do que pretende a actual Consellería do Medio rural,
o prioritario seguirá sendo a defensa da titularidade xermánica dos nosos
montes veciñais en man común conservando os seus catro piares lexislativos:
indivisibles, inalienables, imprescritibles e inembargables e a consolidación
dunha verdadeira política de ordenación do territorio consistente en camiñar
cara un monte multifuncional, autoxestionado e sustentábel coa determinación
da veciñanza  comuneira nesta posta en valor.

Estas bases fundamentadas na xestión das Comunidades de montes veciñais
en man común (CMVMC) foron recollidas nos dous relatorios presentados no
pasado VIII Congreso galego de comunidades de montes, intitulado “Montes
veciñais, pasado, presente e futuro vivos”, ao que asistiron unhas 60
comunidades de montes das catro provincias galegas.

Dentro do programa deste VIII Congreso galego de comunidades de montes
realizouse a presentación do libro “En man común. Os montes veciñais e a
autoxestión colectiva dun ben común”, editado pola editorial catalá Pol-len
Edicions. O cal recada moita información da historia dos montes veciñais e das
resolucións de diferentes comunidades de montes. Presentado en diferentes
artigos maiormente escritos por membros de xuntas reitoras de varias
comunidades de montes e polo presidente da ORGACCMM, Xosé Alfredo
Pereira Martínez, na primeira parte histórica.

Destes dous relatorios elaborados e presentados pola Comisión organizadora
do VIII Congreso galego de comunidades de montes (comisión constituída con
anterioridade por persoas voluntarias de xuntas reitoras de diversas
comunidades de montes) saíron a debate nos plenos diferentes achegas e
modificacións aportadas polas comunidades de montes alí asistentes as cales
foron incorporadas aos definitivos relatorios e foron recollidas nas devanditas
conclusións.

CONCLUSIONS DO VIII CONGRESO GALEGO DE COMUNIDADES DE
MONTES:

Primeira: As lexislacións, tanto galegas como estatais ,deben recoñecer aos montes
veciñais como unha titularidade comunitaria e xa que logo distinta e en pé de
igualdade coas titularidades públicas e privadas.

Segunda: A historia dos montes veciñais é a historia da resistencia da veciñanza para
non perder as súas terras comunitarias. Para acadar que os montes veciñais
sigan a ser terras cargadas de futuro e non reliquias do pasado esta loita de
resistencia é un dos camiños polo que temos que avanzar.

Terceira: Durante a ditadura franquista os montes veciñais padeceron usurpacións e
ocupacións. Unha nova lei de montes veciñais, ten que declarar nulos de pleno
dereito todos estes actos de disposición.

Cuarta: O goberno central ten que incluír dentro da lei de memoria democrática á
veciñanza comuneira como vítimas da ditadura franquista, porque durante este
réxime político os montes veciñais foron usurpados a favor dos concellos e das
deputacións.

Quinta: As asembleas xerais das comunidades de montes son foros de participación e
de debate que xeran hábitos democráticos e sentimentos de solidariedade,
participación e pertenza á comunidade. As xuntas reitoras das comunidades de
montes teñen que asegurar que toda a documentación necesaria para debater
nas asembleas xerais teñan que presentala á veciñanza comuneria con tempo
de antelación.

Sexta: Os distritos forestais e as oficinas agrarias comarcais deben ter como cometido
fundamental o asesoramento ás comunidades de montes e á veciñanza
comuneira. Asesoramento en tramitación de axudas multifuncionais, denuncias
ante ataques á integridade do monte veciñal, cortas de madeira, posta en valor
do monte veciñal… Compre cambiar, no imaxinario colectivo a frase «aí veñen
os do lume”, cando ven aparecer o persoal de Consellería do medio rural, por:
«aí están os do monte».

Sétima: Faise necesario a edición dun manual no que se recollan como facer as
tramitacións necesarias das comunidades de montes. Así como xerar unha
rede de apoio entre as comunidades de montes e sinerxias con outros grupos e
entidades que defendan os montes veciñais como titularidades comunitarias.

Oitava: É urxente reivindicar da Xunta de Galiza a constitución dun Centro Nacional de
Documentación do Monte Veciñal. Un centro no que se recolla, ademais dos
libros referentes sobor o monte veciñal, as publicacións das comunidades de
montes e das súas organizacións (Congresos, Xornadas, Libros, Revistas…).

Novena: O xeito máis eficaz para impedir o acaparamento dos montes veciñais é a
consideración de que todos os recursos dos montes veciñais (do subsolo, do
solo e do ar) sexan considerados como aproveitamentos do monte. E dentro
dunha lexislación que beneficie as maiorías sociais da nosa nación, plena capacidade de decisión das comunidades de montes para por en valor estas
terras comunitarias.

Décima: No aproveitamento da enerxía eólica, dentro dunha ordenación acaída do
territorio, é necesario que as comunidades de montes teñan plena capacidade
para instalar ou non parques eólicos nas súas terras. Así como o dereito das
comunidades de montes a instalar aeroxeradores nas súas terras para
abastecer de enerxía á veciñanza comuneira e localidades limítrofes. É o único
xeito de parar o espolio que co aproveitamento de esta enerxía están
padecendo os montes veciñais en servizo dos intereses das multinacionais.

Undécima: A lexislación estatal debe permitir que no aproveitamento da enerxía
fotovoltaica as comunidades de montes poidan actuar como comunidades
enerxéticas locais. Sería a fórmula de empoderar ás persoas consumidoras
facéndoas partícipes da xeración e do consumo da propia enerxía.

Duodécima: As actividades extractivas son as máis agresivas para o medio ambiente e a
saúde das persoas, xa que logo, faise necesario un control de estas
actividades. Un control dende o inicio da actividade ate o final. Este control
democrático debe ser exercido por unha comisión de seguimento conformada
por: comunidades de montes, sindicatos agrarios, grupos medioambientais e
comisións de afectados/as.

Décimo terceira: Esiximos da consellaría de Industria da Xunta de Galiza a volta das
comunidades de montes ao consello da minaría, tal e como acontecía na lei de
minaría do goberno bipartito. Así como a presencia dos grupos
medioambientais.

Décimo cuarta: Reclamamos unha Lei dos servizos ecosistémicos, que cuantifique e valore
tales servizos, así como as Xustas compensacións. Dado que dos beneficios
que prestan estes servizos, benefíciase a sociedade no seu conxunto, os
titulares teñen que recibir compensación dos gobernos por ser estes a
representación democrática da sociedade.

Décimo quinta: Reivindicamos a elaboración de unha normativa sobre os restos patrimoniais existentes nos montes veciñais. Unha normativa que tendo como base a
conservación e a protección de estes bens, permita acadar un monte veciñal
multifuncional. Xa que logo, unha normativa elaborada a pé do monte e non
nos fríos despachos.

Decimo sexta: A xestión da auga ten que ser sustentábel, segura e democrática. Neste
aspecto a laboura das comunidades de montes e a laboura das comunidades
de augas son imprescindibeis para garantir o acceso universal á auga e para
promover a súa autoxestión.