Chamamento á manifestación contra o actual modelo eólico

  • A Organización Galega de comunidades de montes fai un chamamento á participación na manifestación deste domingo 5 de xuño  que convoca a Cordenadora Eólicos Así Non ás 12 da mañán  en Compostela.
  • Demandan capacidade de decisión para as comunidades de montes para aceptar o rexeitar os proxectos eólicos plantexados nos seus montes veciñais.

O expolio que as eléctricas están perpretando no terrritorio galego, amparadas pola falta de planificación e ordenación do sector eólico, afecta gravemente ás comunidades de montes. O monte veciñal vese exposto ao extractivismo e mercantilización.

O Plano sectorial  eólico actual  implica de facto unha expropiación directa e recualificación dos montes veciñais en man común. A lei de fomento de implantación de iniciativas empresariais e a lei de simplificación administrativa consideran de utilidade pública o negocio privado das empresas enerxéticas en contra dos montes veciñais en man común.

O monte veciñal, polas súas carácteristicas de titularidade xermánica, ten compoñentes de ben común, ben social  e utilidade pública.  Para a ORGACCMM é imprescindible a derogación de estas dúas leis como primeiro paso para preservar o monte comunal.

A Organización Galega de Comunidades de Montes subliña que a enerxía eólica ten que ser considerada como un recurso do país polo que no seu ordenamento deben primar os intereses do pobo galego e nos os beneficios do oligopólio eléctrico. A instalación de parques eólicos debe favorecer á veciñanza da contorna socializando os beneficios. Ademais no ámbito galego, o camiño da soberania enerxética debe ir aparellado dun abaratamento do prezo da enerxia para os fogares.

«Reclamamos á administración galega que aposte decididamente polo autoconsumo apoiando ás comunidades enerxéticas locais fronte os sistemas de produción de distribución oligopolista» sinala Xosé Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes.

Desde a Organización Galega de Comunidades de Montes insisten en que o desenvolvemento da enerxía eólica en Galiza ten que ir acompañado da eliminación paulatina da enerxía xerada por combustibles fósiles. Recalcan que é necesario un ordenamento do territorio con zonas de exclusión e límites á acumulación de parques eólicos nunha mesma zona. Demandan capacidade de decisión para as comunidades de montes para aceptar o rexeitar os proxectos eólicos plantexados nos seus montes veciñais.

«Como ben indica o lema da manifestación convocada pola Cordenadora  Eólicos Así  Non,  hai outra alternativa ao modelo actual de despliegue das renovables. Só é necesario ter vontade política para desenvolver unha transición enerxética xusta, ecoloxicamente sustentabel e para o pobo» resantan desde a ORGACCMM.

100 comunidades de montes participan no VII Congreso galego da ORGACCMM

  • Os pasados día  21 e 22 de maio, na casa de Cultura ”Daniel Castelao “ do concello de Moaña, tivo lugar o VII Congreso Galego de comunidades de montes, no que participaron máis de 100 comunidades de montes de todo o país.

A principal conclusión do VII Congreso Galego de comunidades de montes foi o rexeitamento unánime á pretensión da Consellería do Medio Rural  de privatizar os montes veciñais en man común  eliminando  o carácter xermánico da titularidade  veciñal para convertilos en titularidades privadas e dando entrada como veciños/as comuneiros/as, a empresas que queran explotar o monte veciñal.

A veciñanza comuneira aprobou unha resolución contra este intento de privatización dos montes veciñais, rexeitando así esta estratexia do capitalismo mundial de apropiarse da terra comunal para expoliar todos os recursos que nela se dan.

«Ante esta situación, para parar o roubo do monte veciñal que pretende a consellería do medio rural, faise fundamental a recollida de sinaturas para que se tramita no Parlamento Galego a nosa ILP. Necesitamos unha lei de montes ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega no seu conxunto» apunta Xose Pereira, reelexido presidente da ORGACCMM.

No decurso do VII Congreso tamén se rindeu unha homaxe a aquelas persoas que formaron parte das diversas xuntas reitoras da Organización Galega de Comunidades de Montes. A homaxe consistiu na proxeción dun audiovisual con imaxes que dende a celebración do 1º Congreso e a constitución da Orgaccmm, ata a celebración do día da loita da veciñanza comuneira e a recente elaboración dunha unidade didactica sobre o monte veciñal. Lembrando, entre mentres, as manifestación contra o imposto sobre sociedades, as mobilizacións contra as falsas e inxustas débedas dos convenios e dos consorcios. Ademais entregouselle un diploma ás persoas homenaxadas recoñocendo o seu traballo o seu eforzo. Destacando que sen elas a Orgaccmm non sería tan ampla e forte.

Os representaes da veciñanza comuneira galega amosaron o recoñocemento á Comunidade de Montes de Tameiga pola preservación do seu monte veciñal. Unha defensa do ben común ante os intereses especulativos do presidente de Real Clube Celta de Vigo e a alcaldesa do concello de Mos, que pretenden roubarlle a veciñanza de Tameiga o seu monte omunal.

O VII Congreso Galego de comunidades de montes rematou coa elección da séptima xunta reitora da Orgaccmm. Dentro dunha senda continuista, levouse adiante unha profunda e positiva renovación, tanto dos membros da xunta como da súa estructura territorial.

Denuncian o desleixo de Medio Rural nas medidas preventivas contra o lume

A Organización Galega de Comunidades de Montes xunto con representantes dos bombeiros/as forestais denuncian o desleixo da Consellería de Medio Rural coa aplicación e desenvolvemento das medidas preventivas contra o lume.

Subliñan que o desleixo é evidente ante a carencia de axudas específicas para prevención e defensa contra os lumes forestais. Ao contrario que en anos precedentes, a Consellería do Medio Rural non proporcionou unha liña especifica de prevención e defensa contra os lumes forestais, na que ademais de reducir a biomasa forestal, se sufragaba unha medida imprescindible como a instalación puntos de abastecemento de auga.

As organizacións denuncian que a única liña de axudas que sacou esta consellería neste ano foi para accións silvicolas como rozas, clareados ou plantacións. Apuntan que «isto pódese comprobar doadamente, só hai que revisar o Diario Oficial de Galicia».

Ao desleixo na aplicación de medidas preventivas únese a precariedade laboral dos bomebeiros forestais, quen levan tempo reclamando traballo continuo todo o ano e melloras nas súas precarias condicións laborais para acadar unha loita mais eficaz contra os lumes forestais.

Alertan que esta irresponsable relaxación da Consellería pode traer consecuencias catastróficas para os montes galegos e instan ao goberno galego a adoptar medidas inmediatas e corrixir a perigosa deriva.

Ademais o presidente da ORGACCMM reprochou ao conselleiro de Medio Rural  que este anunciara que a proposta de lei de montes veciñais era pública e accesible: «No portal  de transparencia da Xunta somentes hai unha declaración de intencións por parte do goberno galego. Non aparece ningunha lei co seu texto articulado».

Presentan unha guía didáctica sobre o Monte Veciñal en Man Común

  • A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) presenta unha guía didáctica titulada “As Terras Comunitarias de Galiza: o Monte Veciñal en Man Común” co fin de amosar o funcionamento das comunidades de montes á mocidade en idade escolar.
  • A guía foi elaborada polo Instituto Galego das Terras Comunitarias (INGATECO) por encargo da ORGACCMM e se distribuirá polos colexios e institutos galegos como libro guía para o profesorado e alumnado.
      DESCARGAR GUÍA DIDÁCTICA     

A guía didáctica titulada “As Terras Comunitarias de Galiza: o Monte Veciñal en Man Común” presentada pola ORGACCMM ten como obxectivo principal que o alumnado de ESO e Bacharelato coñezan, comprendan e avalíen a importancia da propiedade colectiva que representan os Montes Veciñais en Man Común.

Mediante esta guía elaborada polo Instituto Galego das Terras Comunitarias se pretende recoñecer os valores que representan e dar a coñecer o traballo e a xestión comunitaria da terra baseada no funcionamento democrático e asembleario das comunidades de montes. 

A ORGACCMM pretende que, a través deste texto educativo, a sociedade galega teña constancia da importancia das terras comunitarias na historia de Galiza. A súa condición de propiedade comunal e a súa xestión asamblearia converte os montes veciñais nun referente para construir unha sociedade máis solidaria e cooperativa.

DESCARGAR LIBRO  ACTIVIDADES

O futuro dunha sociedade xusta debería de construírse entre outras cuestións importantes, fomentando nas persoas valores como a solidariedade, actitudes cooperativas, compartir espazos en común, aproveitando que aínda temos na memoria, no legado e na actualidade, formas de traballo colectivo que se manteñen dende o pasado e que non deberíamos esquecer, adaptando as formas as necesidades do presente e futuro, sendo en moitos casos unha sinal de identidade, polo que deberíamos respectalo como parte do noso patrimonio social e cultural.

O Monte Veciñal en Man Común é un referente do traballo comunitario, da nosa historia pasada, que se mantén vivo, formando parte do presente da sociedade galega, certo é, que moi pouco ou nada difundido, polo que sería importante comprometer o seu coñecemento e defensa, para que as actuais e novas xeracións asuman unha herdanza que foi transmitida de nais e pais a fillos e fillas o longo dos séculos, moi ligada a sociedade rural pero que tivo, ten e terá, unha grande incidencia na poboación urbana e na súa calidade de vida.

O Monte Veciñal en Man Común-MVMC, é un sinal de identidade que temos os galegos e as galegas. Nin é unha titularidade pública, nin é privada, é de natureza veciñal, colectiva, comunitaria. É da veciñanza dun lugar, aldea ou parroquia a que acada colectivamente decisións nas asembleas das Comunidades de Montes. Xa que logo, estes grupos son fonte de debate, participación,solidariedade e cooperación.

Os MVMC no territorio galego cumpren tres funcións moi importantes: económica, medioambiental e social. Son espazos abertos, por isto, das dúas últimas funcións, beneficiase a sociedade no seu conxunto. Ademais, teñen características de bens comúns, de bens sociais.

Son unha realidade viva no territorio galego,mais a pesar diso, son os grandes descoñecidos da sociedade, estando ausentes do currículo escolar galego, en calquera nivel, sendo isto unha enorme eiva e unha débeda pendente. E claro, o que se descoñece non se pode apreciar e valorar, polo tanto, moito menos defender. A Organización Galega de Comunidades de Montes e o Instituto Galego das Terras Comunitarias queren contribuír con esta Guía Didáctica a corrixir este descoñecemento.

VII CONGRESO GALEGO DE COMUNIDADES DE MONTES

  • Os dias 21 e 22 de Maio, celelebrase o VII Congreso Galego de comunidades de montes baixo o lema “25 anos na defensa dos intereses da veciñanza comuneira”

O VII Congreso galego terá lugar na Casa de Cultura “Daniel Castelao” no concello de Moaña e dabatiranse dous relatorios: ”Na defensa do monte veciñal” e “Valoración xeral dos montes veciñais”.

Ademais dos representantes das comunidades de montes podrán  participar no Congreso organizacións e persoas relacionadas co monte veciñal e co medio rural que sexan convidadas.

Aquelas comunidades de montes, organizacións ou persoas individuais que queiran participar no VII Congreso Galego poden facelo comunicando a súa intención ao correo electrónico xapegonda@gmail.com antes do dia  14 de Maio de 2022 .