O artigo 123 da Lei de Montes de Galicia establece: «A Consellaría competente en materia de montes poderá asinar contratos voluntarios de xestión pública con aquelas comunidades de montes que carezan de recursos económicos e financeiros suficientes e cuxa sustentabilidade económica, social e medioambiental non estea garantida».
Máis adiante tamén di: «A xestión ou execución destes contratos temporais de xestión pública poderá realizalos directamente a Administración Pública ou por terceiras persoas físicas ou xurídicas».
O PP pretende arrebatarlle a xestión dos montes consorciados ou conveniados ás comunidades de montes para entregarllos ás empresas privadas da súa corda que previamente constituirán sociedades de fomento forestal (sofor) con subvencións do 100% da Xunta de Galicia. Máis da metade do monte veciñal galego, unhas 200.000 ha. van pasar das mans dos veciños e veciñas comuneiros para ser explotadas polas empresas privadas. Aínda máis, as comunidades de montes terán que pagarlle ás empresas privadas o custo da xestión. Está claro por que o Partido Popular non aceptou a proposta da Organización Galega de Comunidades de Montes de condonar as débedas dos consorcios e dos convenios. Estamos, xa que logo, ante un roubo descarado das terras veciñais. Legal, pero ilexítimo.
Xosé Alfredo Pereira, Presidente da ORGCCMM
Documento en preparación para a revista O común dos veciños
Podedes baixar o artigo completo aquí.


