A Mancomunidade de Montes do Val Miñor en contra das fumigacións

A Mancomunidade de Montes do Val Miñor elixe a súa nova directiva e as liñas de traballo nos vindeiros anos.

A Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común do Val Miñor, entidade que agrupa a 14 Comunidades de Montes do Val Miñor, reuniuse onte venres en Borreiros para decidir a liña a seguir nos vindeiros anos.

Elección da Xunta Directiva

Nesta xuntanza tivo lugar a renovación da Xunta Directiva que dirixirá a Mancomunidade nos vindeiros catro anos. A Directiva seguirá presidida por Latino Rodriguez, da CCMM de Borreiros, e conta con novas incorporacións de comuneiros como Ramón Esteves da CCMM de Sta Cristina e coa continuidade doutros como:  Alberto Covelo da CCMM de Vincios, Xosé Alfredo pereira, da CCMM de Sta Cristina, Luciano Iglesias da CCMM de Chandebrito e Alfredo López da CCMM de Peitieiros. Unha directiva que continuará coa liña de traballo dos anos anteriores tratando de relanzar proxectos paralizados por cuestións burocráticas como a Planta de Compostaxe.

Por unha Lei de Montes respectuosa co Monte Veciñal

Xosé Alfredo Pereira, membro da Xunta Reitora e Presidente da Organización Galega de Montes Veciñais, expuxo a información relativa á organización da manifestación que esta entidade co apoio da Alianza formada con CIG, FRUGA e ADEGA, vai celebrar o día 9 de xuño en Compostela para reclamar unha Lei de Montes respectuosa co Monte veciñal.

O Monte Veciñal en Man Común (MVMC) é unha figura propia de Galicia que define as superficies de aproveitamento comunal. A orixe xurídica desta figura, remóntase á propiedade xermánica e o seu obxecto foi o de aportar recursos a unha sociedade rural tradicional cun sistema productivo baseado no multicultivo e na gandería. A ORGCCMM defende a instauración dunha titularidade comunitaria propia dos montes veciñais e que os distinga da titularidade pública e privada, esta reclamación está apoiada nos informes xurídicos dos propios técnicos do Parlamento de Galicia e Consellería do Medio Rural.

Posición contra as fumigacións

Na xuntanza expúxose a información relativa ao proxecto de fumigacións para combater o gorgullo do eucalipto (Gonipterus), que a Xunta tiña intención de autorizar. Nestas fumigacións está previsto utilizar un produto denominado Cascade (flufenuxeron), prohibido na Unión Europea. O uso deste produto afecta negativamente ás abellas, a outros insectos e ao ecosistema en xeral, ademais de ser un risco para as persoas polo risco de entrada nas traídas de augas a través de filtracións e acuíferos.

É por iso que a Mancomunidade manifestou a súa oposición a este tipo de tratamento apoiando o tratamento biolóxico contra o gorgullo mediante o uso dun abellón parasito (Anaphaes nitens), ao consideralo máis efectivo, específico e sen consecuencias para outras especies nin para o ecosistema.

A ORGCMM tense integrado recentemente na Plataforma contra as Fumigacións e apoia as actuacións que esta entidade realiza, como a entrega de máis de 80 mil sinaturas en contra desta agresiva actuación por considerala perigosa para a saúde humana e o ecosistema.

Una respuesta a «A Mancomunidade de Montes do Val Miñor en contra das fumigacións»

Los comentarios están cerrados.