A semana pasada a portavoz de montes do grupo parlamentar do BNG, Montse Valcarce, presentou na Comisión de Agricultura do Parlamento Galego unha iniciativa para que se devolvan, de forma xunta e trasparente, ás comunidades de montes a xestión dos montes veciñais con consorcios e ou con convenios sen débedas impostas.
Para esta xusta esixencia a deputada do BNG argumenta que as supostas débedas dos montes veciñais, con consorcio e ou con convenio, foron elaboradas unilateralmente pola Consellería do Medio Rural. Nestas supostas débedas non se desgregan con detalle os investimentos, os ingresos xerados e o saldo final de cada monte veciñal. Así como tampouco distingue se os investimentos foron realizados con fondos propios ou sufragados con subvencións de outras administracións públicas, xa que estas últimas en ningún caso poden ser repercutidas na suposta débeda da comunidade de montes.
A nova directora xeral de Planificación e Ordenación forestal, Luisa Piñeiro, rexeitou esta iniciativa parlamentar do grupo do BNG. E para elo, argumentou mentiras, como dicir que, a día de hoxe, un de cada 5 montes veciñais teñen débedas coa administración galega. A realidade é ao revés, as débedas, se é que son reais, tenas a Administración coas comunidades de montes. Nos montes veciñais con consorcio ou con convenio a xestión do monte veciñal correspondíalle exclusivamente a Consellería de Medio Rural. Se esas débedas son reais, a deudora é a Consellería, xa que se se produciron foi porque esta Consellería amosou ser un mala xestora dos montes veciñais.
As razóns polas que a directora rexeitou a iniciativa parlamentar do BNG son dúas. A primeira é a de facer caixa cobrándolle ilegalmente ás comunidades de montes unha débeda que foi xerada por ela mesma. A segunda é a de roubarlles á veciñanza comuneira, cos seus montes veciñais conveniados ou consorciados, a xestión dos mesmos. E, así, entregarllos de balde ás empresas forestais privadas a través dos chamados “contratos temporales de xestión pública “, contratos que na realidade non son públicos.
A nova directora xeral de Planificación e Ordenación forestal sigue a liña dos seus antecesores. É dicir: os montes veciñais, titularidades fóra do tráfico do comercio, e as comunidades de montes, xestión democrática de un territorio, impiden levar adiante a súa política forestal-empresarial. Polo tanto queren proceder a sua eliminación, tanto dos montes veciñais como das comunidades de montes.
A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) manifesta o seu agradecemento ao grupo parlamentar do BNG por levar adiante unha iniciativa parlamentar que esixía a devolución xusta e transparente ás comunidades de montes dos montes veciñais consorciados ou conveniados. Unha reivindicación sentida por un número importante de comunidades de montes.


