
A organización representativa do monte veciñal denuncia a omisión do trámite preceptivo de información pública no DOG, rexeita a criminalización dos propietarios e propón a reorientación de Seaga e a creación do Observatorio Galego de Xestión do Territorio e Incidencia de Lumes do Territorio para investigar as causas estruturais dos lumes.
A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) tivo presentada ante a Consellería do Medio Rural unha impugnación procedimental e un completo paquete de alegacións e emendas ao Anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia. A entidade esixe a suspensión e retroacción do procedemento pola omisión do trámite preceptivo de información pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) e reclama un cambio radical nunha norma que cualifica de «profundamente punitiva, inxusta e incoherente».
«O presente escrito de alegacións e emendas fundaméntase na necesidade de corrixir un modelo normativo que incorre nunha grave incoherencia xurídica e nun desequilibrio territorial. O Anteproxecto clasifica as medidas e faixas de protección como infraestruturas públicas de utilidade pública e protección civil, pero despraza a totalidade do seu custo e execución sobre as persoas propietarias e sobre as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC), baixo a ameaza de sancións, execucións subsidiarias ou mesmo a expropiación do terreo. Ademais, o texto ten un carácter extremadamente punitivo en lugar de centrarse na busca de solucións a un problema estrutural e recorrente como son os incendios do territorio».
Eixos e propostas clave do escrito de emendas:
- Impugnación procedimental por falta de información pública no DOG: Denúnciase que a Xunta tentou dar por cumprida a participación cidadá cunha Consulta Previa realizada antes de redactar o borrador, omitindo o trámite de audiencia no DOG sobre os 130 artigos do texto definitivo (vicio de nulidade do art. 47.1.e da Lei 39/2015).
- Financiamento público das faixas de protección (Artigos 4.n, 20 e 39.2): Se a lei califica as faixas de seguranza como infraestruturas públicas de protección civil, a súa execución e mantemento debe ser financiado pola Administración ou mediante convenios directos plurianuais orzamentados coas CMVMC.
- Blindaxe constitucional contra a expropiación (Artigo 52): O monte veciñal en man comum é unha propiedade colectiva xermánica, inalienable, inembargable, imprescritible e indivisible (Art. 132.2 Constitución, art. 2.1 da Lei 55/1980 e Lei 13/1989). Esíxese a inclusión duna cláusula de salvagarda que o exclúa de expropiacións ou cesións ao Banco de Terras por débedas de limpeza.
- Redefinición dos cometidos de Seaga (Artigo 15): Eliminar o uso de Seaga como instrumento coercitivo de cobro e adaptar a súa actividade á execución de obras públicas preventivas, á xestión cautelar estritamente transitoria para montes sen comunidade.
- Creación do Observatorio Galego de Xestión do Territorio e Incidencia de Lumes do Territorio e informes periciais para a Fiscalía (Artigo 96): Crear o Observatorio Galego para diagnose técnica das causas dos incendios e a emisión obrigatoria dos informes periciais para a Fiscalía de Medio Ambiente e os tribunais, con datos abertos GIS.
- Responsabilidade nas infraestruturas enerxéticas e soterramento (Artigo 82.4): Rexistro público dos lumes orixinados por liñas eléctricas, vías férreas ou parques eólicos/solares, identificando á empresa titular e esixindo o soterramento progresivo de cableado.
- Cultura preventiva no currículo escolar (Artigo 81.3): Adaptación dos decretos curriculares de Educación Primaria e ESO para incorporar contidos sobre a cultura preventiva, o monte veciñal e os servizos ecosistémicos (auga, solo e biodiversidade).
- Participación cidadá e das asembleas de comuneiros (Artigos 14, 24.3, 25.1 e 26.1): Información pública no DOG e informe preceptivo das Asembleas Xerais de comuneiros na elaboración e revisión do PLIFOGA e dos plans preventivos municipais e de distrito.
«Non se pode criminalizar á propiedade veciñal nin ás vítimas dos incendios. A Xunta debe entender que sen o recoñecemento e a participación directa das Comunidades de Montes é imposible construír un territorio resiliente fronte aos grandes incendios. Esiximos a apertura dunha mesa de diálogo e a publicación do trámite no DOG antes de continuar a tramitación parlamentaria».









