ACHEGAS AO MODELO-TIPO DE ESTATUTOS PARA ENTIDADES SEN ANIMO DE LUCRO DE XESTIÓN FORESTAL CONXUNTA.

ACHEGAS DA ORGANIZACIÓN GALEGA DE COMUNIDADES DE MONTES(ORGACCMM) AO MODELO-TIPO DE ESTATUTOS PARA ENTIDADES SEN ANIMO DE LUCRO DE XESTIÓN FORESTAL CONXUNTA.

UNICA ACHEGA:-AO ARTIGO 7.REQUISITOS DAS PERSOAS OU ENTIDADES ASOCIADAS.

Engadir un punto a este artigo co seguinte texto:

As comunidades de montes veciñais en man común non poderán formar parte das entidades sen ánimo de lucro de xestión forestal conxunta.

Argumentacións da achega.

1-As comunidades de montes veciñais en man  común xa son en si mesmo unha agrupación de xestión conxunta.

2-Como é lóxico, o punto f do artigo 9 di que a condición de persoa ou entidade socia ,perderase por incumplir a obriga de aceptar o réxime de obras e melloras nas parcelas  cuxo uso forestal  teña atribuída a Asociación. Por outra banda, as obras e as melloras que teñen que facer as comunidades de montes nos seus montes veciñais  son as contempladas no seu plano de ordenación, que, ademais, son de obrigado cumplimento. Polo tanto o acordado pola Asociación pode solapar o ditado no plano de ordenación do monte veciñal. Isto levaría a un incumplimento do mesmo e xa que logo a que as comunidade de montes se expoñan  as correspondentes sancións.

3-Como tamén e lóxico, todas as persoas e entidades membros da Asociación teñen os mesmos dereitos ( artigo 11 -Dereitos e deberes das persoas e das entidades). Agora ben, non parece moi lóxico que se equipare un voto individual co voto do representante da comunidade de montes nos órganos da Asociación cando este representa a un número plural de veciños/as comuneiros/as. E, ademais, deberíase ter en conta que o representante da comunidade de montes non pode tomar as decisións libremente, ten que levar adiante o acordado na asemblea xeral da súa comunidade de montes. Isto siñificaría que antes da celebración das reunións dos órganos de goberno da Asociación ,terían que realizarse as asembleas das comunidades de montes membros da Asociación,  o que entorpecería a boa marcha da Asociación.

4-Como tamén e lóxico, o artigo 12-Obrigas dos socios e entidades, di que unha de estas obrigas e o cumplimento dos acordos dos órganos de goberno da Asociación. Pero a lexislación referente os montes veciñais indica que os acordos a levar nos seu monte veciñal teñen que ser tomados na asemblea xeral da comunidades de montes. Esta realidade traería como consecuencia unha chea de contradicións e xa que logo, conflitos  que o único que faría sería entorpecer a marcha da Asociación.

5-O artigo 38. Réxime das obras, melloras e  servidumes. di que para levar adiante estas cuestións. A asociación deberá contar con un instrumento de ordenación forestal ou de xestión forestal. E tamén di que as persoas e as entidades socias non poden opoñerse ao contido de este instrumento de xestión. Por outra banda hai que ter en conta que os montes veciñais, por lei , están obrigados a contar con un instrumento de xestión que ademaís, e de obrigado cumplimento. Fica claro que a participación das comunidades de montes nas entidades sen ánimo de lucro de xestión forestal conxunta, xeraría un niño de contradicións e incumplimentos que non sería bo , nin para as comunidades de montes ,nin para a Asociación.

ACHEGAS DA ORGANIZACIÓN GALEGA DE COMUNIDADES DE MONTES(ORGACCMM) ,AO MODELO-TIPO DE ESTATUTOS PARA ENTIDADES SEN ANIMO DE LUCRO DE REPRESENTACIÓN PARA A PLANIFICACIÓN OU COMERCIALIZACIÓN CONXUNTA .

ACHEGA ÚNICA AO ARTIGO 7-REQUISITOS DAS PERSOAS OU ENTIDADES ASOCIADAS.

Engadir un punto  a este artigo co seguinte texto:

As comunidades de montes veciñais en man común non poderán formar parte das Entidades sen ánimo de lucro de planificación ou comercialización conxunta.

Argumentacións da achega.

As mesmas que as expostas para a anterior achega .

 

Achegas ao borrador do libro blanco para unha nova regulación dos montes veciñais

A Consellaría do Medio Rural ven de facer público o borrador do libro blanco para unha nova regulación dos montes veciñais. O prazo para a presentación de achegas remata o dia 8 de Stembro de 2023.

Para defender os montes veciñais sería moi convinte que cada comunidade de montes presentase achegas a este borrador ou, no seu defecto, recoller e rexistrar as achegas que elaborara a xunta  reitora da ORGACCMM e que colgará nesta páxina unha semana antes de rematar o prazo de presentación.

LIBRO BRANCO SOBRE A REFORMA DA REGULACIÓN DOS MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN (MVMC) DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

O enderezo para  a presentación das achegas: conselloforestalgalicia@xunta.gal

Rexeitamento ao anteproxecto de lei de promoción de beneficios sociais e económicos

A Organización Galega de Comunidades  de montes veciñais en man común (ORGACCMM) acaba de presentar unha achega ao anteproxecto de lei de promoción de beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilicen recursos naturais de Galiza. Nesta achega solicita o rexeitamento do anteproxecto e a devolución do mesmo a C onsellaría correspondente.

As argumentacións para tal rexeitamento son:

1)- Entende que os proxectos a instalar no rural galego van eliminar os servizos ecosistémicos que prestan estes territorios, ao servizo de toda a sociedade. E no canto de priorizar estes servizos ecosistémicos, prioriza o proxecto a instalar e sabedor que eliminará servizos, prantexa compensacións non definidas nin concretas.

2)— Despreza a existencia  das traídas de augas veciñais, que e o xeito tradicional de prover de este servizo as populación do medio rural  e que ademais son garantía de unha auga de calidade e respectuosa co medio ambiente. E mesmamente, no caso  das renovacións da concesións, priman os intereses dos proxectos a instalar por riba non só das traídas de augas veciñais ,senón tamén dos acuíferos para uso domestico e agrogandeiro.

3)- A Consellaría do Medio Rural vai participar en sociedades mercantís privadas  para acadar os obxetivos  marcados por este anteproxecto de lei. Vaise a convertir no avalista para a entrada da explotación capitalista nun territorio galego onde predomina a explotación agraria familiar  e o aproveitamento comunitario a través das comunidades de montes.

4)- Prantexa que as comunidades de montes poidan formar parte dunhas entidades mercantís chamadas sociedades participadas, a sabendas que a día de hoxe, dado o carácter xermánico dos montes veciñais, esta participación e imposibel. Este anteproxecto de lei  é adiantar o intento da Consellería do Medio Rural de convertir os montes veciñais en titularidades totalmente privadas eliminando o seu carácter xermánico e dotando de personalidade xurídica as comunidades de montes para que poidan entrar o capital nestas figuras de xestión comunitaria.

5)- Crea unha nova tipoloxía de lume: o lume de incidencia singular. Cando un lume e así declarado, a comunidade de montes que padeceu o lume perde toda a capacidade de decidir como por en valor o seu monte veciñal e mesmo a de opìnar como debería ser esta posta en valor. Xa que logo, este anteproxecto de lei o que realmente fai e expropiarlle a xestión á veciñanza comuneira, daqueles montes veciñais que tiveran a desgracia de padecer un lume e que esta seña cualificado como de incidencia singular.

6)- Se ben o anteproxecto desta lei fai unha aposta polo desenvolvemento da enerxías renovabeis, non contempla que as comunidades de montes veciñais poidan actuar como comunidades enerxéticas locais para o desenvolvemento das enerxías renovabeis. Deste xeito estase impedindo que o desenvolvemento das enerxías renovabeis  favoreza ás poblacións .

7)- Na captura do C02, que levan adiante as masas arbores,somentes contempla a comercialización para que as empresas que contaminen poidan seguir contaminando. Debería contemplar tamén que a Administración Pública Galega levase adiante un estudo para cuantificar o valor de esta captura do CO2. E unha vez feita esta cuantificación, buscar formulas compensatorio de retorno os titulares dos montes e a poboación do medio rural.

ACHEGAS AO ANTEPROXECTO DE LEI DE PROMOCIÓN DOS BENEFICIOS SOCIAIS E ECONÓMICOS DOS PROXECTOS QUE UTILIZAN RECURSOS NATURAIS DE GALICIA

ACHEGAS AO ANTEPROXECTO DE LEI DE PROMOCIÓN DOS
BENEFICIOS SOCIAIS E ECONÓMICOS DOS PROXECTOS QUE UTILIZAN
RECURSOS NATURAIS DE GALICIA 

UNICA:

Retirada de este anteproxecto de lei e devolución a concellería
correspondente en base as seguintes.

ARGUMENTACIONS:

1)-O artigo 11 de este anteproxecto fala dos efectos sobre os servizos
ecosistémicos. É decir, recoñece que as instalacións industriais a situar no
territorio van ter efectos negativos sobre os servizos ecosistémicos que prestan territorio. E xa que logo, dándolle prioridade absoluta aos proxectos
industriais, prantexa certas compensacións polos efectos negativos sobre os
servizos ecosistémicos.

Entendese por servizos ecosistémicos os que presta un ecosistema á
sociedade e que melloran a saúde, a economía e a calidade de vida das
persoas. Son servizos que actúan en beneficio de toda a sociedade. Parecería
lóxico que na cuestión dos servizos ecosistémicos o que deberían facer as
distintas consellerías competentes na materia seria cuantificar o valor
económico que prestan á sociedade os servizos ecosistémicos que se xeran
nos territorios. E con estes datos compensar aos titulares de esas terras que
xeran estes servizos ecosistémicos para beneficio da sociedade no seu
conxunto.

2)-No capitulo I do Titulo Segundo, este anteproxecto de lei fala de a
participación en sociedades que teñan obxetivos compatibeis cos previstos
nesta lei. Así, prantexase a participación da Xunta de Galicia en sociedades
mercantís privadas. A Xunta de Galicia vaise converter no avalista da entrada
da explotación capitalista nun territorio no que predomina a explotación familiar agraria e a posta en valor dos recursos de xeito comunitario a traveso das comunidades de montes veciñais en man común. Deste xeito ,a destrución
dos servizos ecosistémicos será un feito. Este anteproxecto de lei di que as comunidades de montes poidan formar parte das chamadas sociedades participadas, se ben tapan as comunidades de montes co eufemismo “comunidades locais”. No rural galego estas comunidades locais teñen nome :son as comunidades de montes .

A dia de hoxe, dado o carácter xermánico dos montes veciñais, as
comunidades de montes non teñen personalidade xurídica polo que lnon
poderían formar parte das chamadas sociedades participadas, a non ser que
os redactores/as deste anteproxecto xa teñan información fehacente que a
modificación da lei de montes veciñais que pretende a Consellería do Medio
Rural : Eliminar o carácter xermánico dos montes veciñais en man común e
dotar as comunidades de montes de personalidade xurídica para convertilas
en meras sociedades mercantís.

Polo tanto, este anteproxecto de lei avala a eliminación dos montes
veciñais en man común como titularidades de carácter xermánico para
convertilas en titularidades privadas. Este anteproxecto de lei debería deixar
claro que as comunidades de montes non poderían participar nas sociedades
participadas.

3)-No artigo 46- O fondo de recuperación do territorio afectado por incendios
forestais de singular incidencia crease unha novo tipo do incendios, ”os
incendios de singular incidencia» . En base a este novo tipo de lumes, crease un fondo para a recuperación das terras queimadas, permitindo a entrada de
aportacións do sector privado. É decir, que permite a entrada de capital nunhas terras que están xestionadas democraticamente pola veciñanza comuneira.

Nos incendios que a Consellería defina como de singular incidencia  as
accións de recuperación a levar adiante serán de exclusiva competencia da
Consellería do Medio Rural, Osexa, usúrpalle directamente as comunidades de
montes a xestión dos seus montes veciñais. Máis, non somentes usurparlle a xestión dos montes veciñais a veciñanza comuneira, Mesmo impídelle que esta manifesten a súa opinión en como restaurar as súas terras queimadas.

No artigo 49 de este anteproxecto de leicrease a chamada comisión de seguimento do fondo de recuperación do territorio afectado por un incendio forestal de incidencia singular .Esta comisión está conformada pola Consellería do Medio Rura , polo sector privado que fixera achegas económicas a este fondo e asociacións forestais . As comunidades de montes ,titulares das terras, que lamentabelmente padeceron un lume, non están representadas nesta comisión. Non semella moi democrático.

4)-No artigo 54 refirese a xestión das enerxías renovabeis destinadas ao
autoconsumo nas areas empresariais. Se os redactores/as deste
anteproxecto créeran de verdade  que o desenvolvemento das enerxías
renovabeis favorecería a loita contra o cambio climático e abarataría os custes
enerxéticos para as poboacións non o centraría somentes como un negocio
empresarial, senón que tamén prantexaría que as comunidades de montes
poidesen actuar como comunidades enerxéticas locais para o desenvolvemento das enerxías renovabeis.

Imaxinemos que somentes un 10% das comunidades de montes que
existen en Galicia acordasen actuar como comunidades enerxéticas
locais. Pois siñificaría que, nun curto período de tempo ,constituirianse en
Galicia 300 comunidades enerxéticas locais. O desenvolvemento das enerxías
renovabeis en Galicia, sería considerabel .

5)-No artigo 57 este anteproxecto prantexa a creación de un sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta de Galicia .Mais faino seguindo
mimeticamente o xa existente no Ministerio de Transición Ecológica y Reto
Demográfico do goberno central. E xa que logo, mantendo criterios errados
para o territorio galego como son : que so capturan CO2 as masas plantadas
logo de un lume ou nun cambio de uso da terra e que o calculo de esta captura
so está baseado no medre da madeira.

Este anteproxecto debería contemplar que todas as masas boscosas
capturan C02 de calqueira forma que sexan plantadas .Que tamén capturan
C02 a vexetación do chán .Ao mesmo tempo ,tamén debería contemplar que o
calculo da captura do C02 non pode basearse somentes no medre da madeira
senón que tamén contemplar cuestións medioambientais e socias ..Así como
ter en conta o destino final da madeira ,xa que non pode ser o mesmo que esta
teña como destino a queima como que teña como destino a transformación enmobles, na que sigue capturando C02.

Mesmo admitindo que unha parte da captura do CO2 que levan adiante as
masas boscosas se “negocie” mediante a comercialización ,este anteproxecto debería contemplar a obriga da administración galega de cuantificar
economicamente a captura do C02 que levan adiante as masas boscosas do
territorio galego. E unha vez feita esta cuantificación, buscar formas
compensatorias de retorno os titulares dos montes e a poboación do medio
rural  Sería,  ademais de feito de xustiza, unha forma de fixar populación no
medio rural.

Denuncian que a Consellería do Medio Rural pretende criminalizar á sociedade polos lumes forestais

  •  A Organización Galega de Comunidades de Montes denuncia que a Consellería do Medio Rural sostén no seu anteproxecto da lei de loita integral contra os incendios forestais, que as Comunidades de Montes podan ser sancionadas cando se produza un lume nas súas terras, aínda que o lume sexa provocado por terceiros. 
  • A ORGACCMM sinala que ademais en dito anteproxeto se contempla a prohibición de emitir opinións acerca da problemática dos lumes, impoñendo sancións para aquelas persoas que se atrevan sinxelamente a exercitar  o dereito da liberdade de expresión.

A Consellería do Medio Rural ten en período de consulta pública ao anteproxecto da lei de loita integral contra os incendios forestais.  Segundo poido comprobar a Organización Galega de Comunidades de Montes, neste anteproxecto a Consellería do Medio Rural entende que os lumes no territorio galego son un problema somentes de orde público ao que se deben aplicar solucións unicamente policiais.

Sinalan que no anteproxecto non se recoñoce que a problemática dos lumes do territorio teñen causas estruturais como omonocultivo forestal con especies de crecemento  rápido, a desordenación das masas boscosas ou o abandono do rural  despoboación, entre outras. O documento presentado pola Consellería do Medio Rural non precolle a necesidade de camiñar cara a unha política de montes  que posibilite un monte veciñal multifuncional e sustentabel, que e a ferramenta máis eficaz contra os lumes, como está de sobra demostrado.

Pola contra, denuncian, que neste anteproxecto de lei de loita integral contra os lumes forestais, a Consellería do Medio Rural pretende impedir que os titulares dos montes veciñais sexan os protagonistas da posta en valor das súas terras. Pretenden lexislar para sacarlles os seus dereitos, cargalos de obrigacións, e mesmo culpaloos  e sancionalos cando se produza un lume nas súas terras, aínda que a culpabilidade do orixe do lume sexa de terceiros.

A Consellería do Medio Rural intenta que a lei que se derivará do anteproxecto de loita integral contra os lumes forestais se leve adiante impoñendo o silencio. Así ,contempla a creación dun Consello Consultivo conformado por 19 persoas, das cales 15 son representantes de diversas administracións e so 4 persoas representando aos titulares dos montes e ás organizacións relacionadas co medio rural.

Ademais de todo isto , alertan desde a ORGACCMM que para a Consellería este silencio non e suficiente, xa que tamén prentende a prohibición de emitir opinións acerca da problemática dos lumes , contemplando incluso sancións para aquelas persoas que se atrevan sinxelamente a exercitar  o dereito universal da liberdade de opinión e expresión.

A Organización Galega de comunidades de montes veciñais en man común ven de presentar achegas ao anteproxecto de lei de loita integral contra os lumes. As liñas fundamentais de estas achegas son:

  • Deseñar unha política de montes inxertada nunha ordenación do territorio e nunha ordenación do uso das terras. Na que se valore os servizos ecosistémicos que prestan os montes veciñais en beneficio de toda a sociedade.
  • Entender que a loita máis eficaz contra os lumes do territorio e o acadar un monte multifuncional e sustentabel. Neste camiño e necesaria a  apertura de unha liña de axudas para as comunidades de montes que permitan a valoración integral do monte e a aposta pola súa multifuncionalidade .
  • Informar aos titulares nos que as súas terras padeceron un lume do dispositivo empregado na loita contra o lume. Así como a participación das comunidades de montes en todos os órganos consultivos e de planificación da loita contra os lumes, dende o Consello Forestal de Galiza ate os consellos forestais de distrito.
  • Eliminar do texto do anteproxecto de lei  de loita integral contra os lumes todos os artigos que contemplen prantexamentos autoritarios e de libre interpretación pola Consellaría do Medio Rural.

Denuncian o intento de perpetuar a usurpación franquista dos montes veciñais.

 

  • A Organización Galega de Comunidades de Montes  denuncia a manipulación da recén creada plataforma de supostos afectados polas comunidades de montes.
  • A ORGACCMM sinala que detrás desta plataforma está o interese espurio dalguns empresarios por perpetuar a usurpación franquista do monte veciñal.

A Organización Galega de Comunidades de Montes denuncia que recentemente anunciouse a constitución dunha plataforma que, cunha manipulación torticera, autodenominase afectados polas comunidades de montes .Esta plataforma está conformada por particulares e empresarios dos concellos de Vigo e de Mos. Os cales indican que o motivo para súa constitución é o sentirse  nunha inseguridade xurídica .

A ORGACCMM sinala que alegan inseguridade xurídica a sabendas de que están ocupando unhas terras, ben en réxime de cesión ou en réxime de propiedade, que non son súas senon de titularidade dos montes veciñais en man común, cuxa propiedad de lexitima pertence às comunidades de montes.

Unhas terras que lle foron cedidas ou vendidas polos respectivos concellos cando estes non eran titulares lexitimos destas terras, senon  que eran os beneficiarios da usurpación dos montes veciñais levada adiante pola ditadura franquista. E estes empresarios, para perpetuar esta ilegalidade, exisenlle á Xunta de Galiza que acometa unha nova usurpación dos montes veciñais que beneficie os seus intereses particulares.

Para a Organización Galega, n o caso do empresariado, chove sobre mollado. Esta clase social leva moito tempo tentando que se privaticen os montes veciñais para acaparalos a prezo de saldo .Esta clase social cando decide montar unha empresa ten que valorar se ten terreos para asentala .E se non os posúe ,ten que negociar cos titulares das terras para conseguilos .A clase empresarial, tan defensora da que chaman sacrasanta propiedade privada, desprezan a propiedade veciñal. A desprezan por que queren restarlle a lexitimidade para  pusuila eles.

«Se os terreos onde se asentan alegalmente as súas empresas fosen de propiedade privada, esixirianlle a Xunta de Galiza a usurpación dos mesmos? .Seguro que non«, denota Xose A. Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes.

Cuestión algo distinta é, para ORGACCMM,  o caso dos particulares que veñen ocupando montes veciñais en réxime de propiedade, superficies adquiridas tamén de xeito alegal, xa que quen llas cedeu ou vendou foi un concello que non era titular das mesmas senon que era o beneficiario da usurpación franquista e ilegal dos montes veciñais.

«Xa que se sínten afectados pola inseguridade xurídica que alegan, os culpables non somos as comunidades de montes, senon os concellos. Polo tanto as súas reclamacións de danos e perxuizos deben dirixilas a estas administracións, non contra nós, os lexitimos propietarios», subliñan desde a ORGACCMM.

Para a Organización Galega de Comunidades de Montes as verdadeiras afectadas por esta situación que prantexa esta plataforma de afectados son as propias comunidades de montes. Unhas comunidades de montes galegas que por mor da usurpación franquista dos montes veciñais non poderon dispor durante moitos anos dunhas terras que lles pertenecen dende tempos inmemoriais.

A Organización Galega de Comunidades de Montes rexeita plenamente este novo intento dunha  nova usurpación dos montes veciñais en man común que pretende a chamada plataforma de supostos afectados polas comunidades de montes.

Ao mesmo tempo, a ORGACCMM reclama que a lei de montes veciñais en man común, no que fai respecto a usurpación dos montes veciñais, recolla o contido da proposta para unha nova lei de montes veciñais contemplada na Iniciativa Lexislativa Popular, presentada pola propia ORGACCMM e que foi avalada por 12.010 sinatura. Segundo a cal deben declararse nulos de pleno dereito todos os actos e negocios xurídicos levados adiante polos concellos no tempo que durou a usurpación franquista dos montes veciñais.

APOIO A MANIFESTACIÓN EOLICOS ASI NON.

APOIO A MANIFESTACIÓN QUE TERÁ LUGAR O DIA 23 DE ABRIL DE 2023 ,CONVOCADA POLA PLATAFORMA EOLICOS ASI NON.

  • A Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) manifesta o seu apoio a manifestación que convocada pola plataforma Eólicos Así Non, terá lugar o domingo 23 de Abril as 12 horas en Compostela, diante dos edificios administrativos da Xunta de Galiza (San Caetano) .

A manifestación, que rodeará os edificios administrativos da Xunta de Galiza, esixira o remate do expolio do territorio galego  ao servizo das multinacionais enerxéticas que acarrexa o actual modelo de desenvolvemento da enerxía eólica.

Reclamase que non  se autorice ningún proxecto macroeólico  máis mentras  non haxa unha planificación eólica diseñada por e para o pobo, pública  e ordenada. Que se restitúan  os dereitos de participación pública nos procesos de autorización. Que se derogen as chamadas leixes depedradoras (lei de fomento de economía e de simplificación administrativa) e se contemplen as garantias medioambientais precisas.

A ORGACCMM fai un chamamento ás comunidades de montes para que asistan a esta manifestación que, convocada pola plataforma Eólicos Así Non, terá lugar en Compostela o domingo 23 de Abril de 2023.

Carta de apoio a Lei de Montes Veciñais contida na ILP da ORGACCMM

A Organización Galega de Comunidades de Montes solicita o apoio do tecido asociativo galego para defender o monte veciñal e que cando a Consellería do medio rural proceda a modificar a lei de montes veciñais actualmente vixente, a nova lei de montes veciñais esté fundamentada  na ILP presentada pola ORGACCMM e que foi elaborada por un número importante de comunidades de montes e avalada por 12.010 sinaturas.

Modelos de cartas de apoio para descargar:

Proxecto piloto no Xistral: os incentivos ás comunidades de montes conservan a biodiversidade

Un estudo aposta pola xestión comunal, a gandaría tradicional e as bestas para protexer hábitats ameazados.

“O Pago por Resultados de Conservación ás comunidades de montes pode ser o futuro para as persoas que desenvolven as súas actividades gandeiras en zonas naturais protexidas de Galicia, como a Rede Natura 2000, e ás que se lles recoñece un papel fundamental na súa conservación”. Esta é unha das conclusións “máis destacadas” do Informe Layman, un documento recentemente publicado e que pasa revista ao proxecto LIFE in Common Land: Xestión en común da terra, un modelo sostible de conservación e desenvolvemento rural en Zonas Especiais de Conservación. Esta iniciativa, cofinanciada por LIFE Natureza e Biodiversidade da Unión Europea, desenvolveuse en 11 montes veciñais en man común do Espazo Rede Natura 2000 Serra do Xistral que ocupan unhas 11.000 hectáreas. A iniciativa está coordinada pola Deputación de Lugo e participan como socios a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade da Coruña (UDC).

O Informe Layman detalla os traballos e resultados obtidos a través da colaboración entre os axentes implicados na conservación do Espazo Rede Natura 2000 Serra do Xistral, situada no norte de Lugo. O traballo tamén alerta do risco de extinción do ecosistema. E lanza un urxente SOS: “Conservar para as xeracións futuras hábitats tan importantes como as turbeiras e os breixos húmidos da Serra do Xistral require dunha aposta urxente pola xestión comunal, os sistemas tradicionais de gandería e os cabalos salvaxes”. O proxecto LIFE in Common Land desenvolto en Galicia aposta polo innovador Modelo de Xestión por Resultados de Conservación, que se aplica no territorio a través de Proxectos de Ordenación Forestal dos Montes e que trata de integrar as actividades gandeiras e o manexo tradicional dos cabalos salvaxes coa conservación de hábitats.

Este modelo inclúe a protección e conservación do ecosistema na xestión que as comunidades de montes realizan nos seus terreos. “E non o fan como algo imposto, senón poñendo en valor e recoñecendo a función que bestas e gando vacún cumpren para manter estes espazos de montaña en Galicia”, destacan os autores do informe, que estima que na Serra do Xistral existe unha poboación estimada de 1.500-2.000 cabalos salvaxes. O novo Modelo de Xestión por Resultados de Conservación, á súa vez, conta cunha ferramenta que xa é realidade. O Informe Layman cre que o Pago por Resultados de Conservación que “se logrou implementar” ás comunidades de montes da Serra do Xistral cunha cantidade económica recibida que alcanzou os 300.000 euros, representa “un cambio de fronte ao futuro”. Por que? “Porque estes pagos poden ser o futuro para estas persoas que desenvolven as súas actividades gandeiras en zonas protexidas e ás que se lles recoñece un papel fundamental na súa conservación”, indica o traballo que realizou 54 enquisas e 32 entrevistas a comuneiros e besteiros. O pago realizouse en función da superficie e estado de conservación dos hábitats obxecto do proxecto: turbeiras de cobertor, turbeiras altas activas e breixos húmidos atlánticos.

Éxito en Europa

O Pago por Resultados de Conservación é un modelo exitoso noutras zonas de Europa. O programa Burren en Irlanda “é sen dúbida o exemplo máis notable”, comentan os autores do Informe Layman. A filosofía desta ferramenta é clara e sinxela: “Os comuneiros non só producen alimentos, senón que tamén garanten a biodiversidade dos hábitats que xestionan e reciben un pago por iso”. “De gandeiros a gardiáns da biodiversidade, un rol valorado pola sociedade e polo cal recibirán un pago”, comentan ao unísono os integrantes do equipo que traballou durante cinco anos na Serra do Xistral e que está formado por Luís Fernández Reija Andrea Macho Benito (Deputación de Lugo); Ramón A. Díaz VarelaEmilio R. Díaz VarelaCésar A. Blanco Arias e R. Alfonso Laborda Bartolomé (Universidade de Santiago de Compostela); Jaime Fagúndez DíazLaura Lagos AbarzuzaFlávia Cardoso CanastraCarlos Muñóz Barcia, Manuel Pimentel Pereira e Elvira C. Sahuquillo Balbuena (Universidade da Coruña); Boris Hinojo Sánchez, Marcos Rubinos Román e Ángela Saa Martínez (3edata) e Iñaki Cortés Bea Iraburu (Kaizen Eureka).

“Pensemos en todos os cambios que implica o Pago por Resultados de Conservación”, reiteran os autores do Informe Layman, que lembran que suporía “un cambio na valoración da Rede Natural 2000, de limitacións a un patrimonio natural que os propios comuneiros conservan a través da súa propia actividade”. A implantación desta ferramenta noutras zonas de Europa xerou e desenvolveu marcas de bens e produtos de agricultura e gandería asociados á conservación da biodiversidade. Por exemplo: carne, produtos lácteos, mel, viños ou sidra.

A continuidade a través da PAC

O Informe Layman e, por conseguinte, o proxecto LIFE in Common Land: Xestión en común da terra, un modelo sostible de conservación e desenvolvemento rural en Zonas Especiais de Conservación cre que está pendente unha última fase que considera “necesaria” e que, á súa vez, reclaman as comunidades de montes participantes nesta iniciativa que conta co respaldo financeiro da UE. Cal é ese último paso? “Dar viabilidade e continuidade a este sistema de pagos por medio dos Plans Estratéxicos da Política Agracia Común (PAC)”. O Modelo de Xestión por Resultados de Conservación de hábitats de LIFE in Common Land “converteríase así nunha opción de futuro para as persoas que van seguir habitando e conservando a Serra do Xistral e outras zonas da Rede Natural 2000 en Galicia”.

LIFE in Common Land realizou tamén accións de mellora e restauración de hábitats. Os técnicos do proxecto destacan con orgullo a súa actuación estrela: a eliminación de piñeirais para a restauración de turbeiras de cobertor. “Outra xestión é posible”, asegura o equipo de investigadores, que recorreu a técnicas innovadoras e que destaca que “o importante é facer ver os gandeiros que traballan nestes montes que restaurando hábitats gañamos todos”. Os hábitats sensibles das turbeiras teñen a propiedade de capturar o carbono que se libera á atmosfera. “Pero actualmente atópanse en risco”. O Informe Layman, neste sentido, propón “implementar novas ferramentas de xestión, lexislativas e proxectos de restauración” para protexer estes ecosistemas.

 

O porqué da necesidade de lexislar os Servizos do Ecosistema nos Montes Veciñais?

Que este artigo xurda da pregunta do encabezado, e comezar mal. E é comezar mal, porque, ter que xustificar a necesidade de lexislar os servizos do ecosistema (de agora en diante SE) e síntoma do descoñecemento que a sociedade en xeral ten da importancia dos mesmos, do presente que están no noso día a día, e tamén o descoñecemento que a sociedade ten do papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común no mantemento e aportación de tales Servizos, pero por magoa, así mesmo é. Este descoñecemento vai dende a propia cualificación e cuantificación dos propios SE,  á propiedade do lugar onde están a xerarse,  ó valor económico dos mesmos ou ós custos de mantemento e xeración dos mesmos.

Unha das posibles definicións de lexislación (do latín lex(lei) e latus( levado, cargado)), é “o conxunto de leis que van a determinar e regular unha materia ou un Estado, e normalmente cunha duración determinada dadas as sucesivas actualizacións que prodúcense polas adaptacións ós tempos”, de tal xeito,  (e sen ser obxecto deste artigo entrar a valorar a posible corrección ou non de tales lexislacións) que ditas leis ordenarían a vida de acotío dos cidadáns, empresas, entes, etc debendo deixar claro cales accións son correctas e cales outras son incorrectas e como poderían ser sancionadas tales incorreccións.

Máis alá das sancións que figuran en moitas leis, outra visión da lexislación necesaria nun apartado tan social coma este (que ademais sentaría bases máis sólidas de cara o futuro), sería o carácter formador e de concienciación do respecto nos encontros entre persoas, nos usos de espazos comúns, que equilibren as necesidades de tódalas partes. De aquí xurde a necesidade de lexislar en tódolos ámbitos da vida para evitar certo caos ou interpretacións singulares dos dereitos individuais.

Unha consecuencia directa da falla de lexislación é, como é lóxico, a falla de xurisprudencia que permita tratar as casuísticas concretas e as súas excepcionalidades, que hainas e moitas.

Nestes momentos xa existen varias directivas europeas que regulan os SE indirectamente , e que teñen as súas homónimas a nivel do Estado e da Galiza, como poden ser a  Directiva europea Marco da auga, Directiva dos habitats, Directiva de aves, Directiva de avaliación ambiental,  Directiva de cambio climático, Directiva de enerxías renovables, Directiva de residuos ou Directiva de avaliación ambiental estratéxica. Estas directivas teñen o seu desenrolo nas Leis de Augas, Costas, Montes, Conservación da natureza, Avaliación ambiental, Cambio climático ou de Residuos, que ó seu tempo son desenroladas polas competencias autonómicas transferidas a Galiza como son a Lei de Augas de Galicia, Lei de Ordenación do territorio, Lei do Solo…entre outras .

Case que todas estas regulacións, se ben tocan, cada unha delas, de xeito directo ou indirecto os SE, non os abordan como tal, se non seguindo o camiño inverso, levándonos a dúas conclusións directas, unha, que as leis que os regulan non os tratan dende o punto de vista de servizos do ecosistema, se non que os regulan dende un punto de vista de usos, figuras de protección ou aproveitamentos habituais do monte, e unha segunda,  que é a falla de regulación dende o punto de vista da propiedade e o que iso abrangue dende a beira económica e social, así como a interacción entre cada un deles e as súas posibles incompatibilidades.

Se ben, nos derradeiros anos, véñense dando pasos, sorprende a falla de coñecemento social, moitas vagas derivada da falla de traballo por parte das administracións, para poñer no seu lugar a importancia que para a supervivencia do planeta e polo tanto da especie humana teñen os espazos naturais que preservan os SE, dentro dos cales, na Galiza, nun lugar moi destacado, ben pola súa realidade actual ou ben polo seu potencial, as Comunidades de Montes veciñais están a cumprir o papel de abastecedoras de externalidades positivas que permiten continuar cós ritmos sociais e económicos.

Polo tanto a lexislación a aplicar, como a propia definición de Lexislación contempla, debería abordar dous puntos claves, primeiro “determinar”, definir, delimitar os SE incluíndo a  cuantificación e posta en valor dos mesmos, e por outra parte a regulación conxunta dos SE en canto a usos e a propiedade dos mesmos cos seus custos de xeración e mantemento, e o grao de aportación da sociedade a tales cuestións.

Os servizos do ecosistema, como xa comentouse en artigos anteriores, son aqueles beneficios que a natureza aporta á sociedade. Moitas das actividades que facemos acotío presentan externalidades negativas (como poden ser as emisións de co2 dos nosos vehículos) que son compensadas polas externalidades positivas que emanan por exemplo dos usos da terra nos montes veciñais.  Do coidado, mantemento e conservación no tempo destes servizos vai depender a viabilidade da sociedade e dos sistemas económicos actuais, hai algo máis importante para o ser humano?

Non sería de tolos pensar na posibilidade dunha futura “ Lei dos Servizos do Ecosistema” que como fai o Código Civil ou o Estatuto dos Traballadores, establecese un marco de outras Leis que regulan a dia de hoxe tales SE de xeito parcial.  Pero para chegar a este punto, habería que apostar por que a saúde e o benestar social, as producións sostibles e o coidado da natureza, fosen considerados de interese social prevalecendo sobre o resto de actividades. O egoísmo antropocéntrico debería ser aplicado de cheo nestes casos, xa que coidando os ecosistemas e a súa posta en valor, realmente coidámonos a nós.

O pasado 30 de decembro, o Ministerio para a Transición Ecolóxica , no RD 1057/2022, aprobou o “plan estratéxico estatal do patrimonio natural e a biodiversidade a 2030”. Neste RD agás da xustificación do mesmo recollido dos estudos de Ecosistemas do Milenio, recóllese un termo “one health”, concepto que liga a saúde das persoas e os animais á saude dos ecosistemas, isto debería ser o concepto a ter en conta para entender o que son os SE que aporta a natureza, unha “única saúde” que agrupe os seres humanos co medio.

Outro punto que recolle este RD e a “escasa integración do patrimonio natural e a biodiversidade nos diferentes sectores económicos” e “falta de coñecemento e información de actualizadas sobre especies, ecosistemas e servizos do ecosistema”, e claro que a sociedade non pode seguir vivindo de costas ás obrigas económicas cos provedores de SE.

Estes dous puntos, a lo menos, recollen inquedanzas claras, outra cousa será ver como chegan á “terra”. Pero con todo ser unha boa iniciativa, o meu parecer, non debe ser preciso que un espazo sexa rede natura, nin ter outra figura de protección para que sexan cuantificados e monetizados os SE que a natureza aporta á sociedade.

Para ser conscientes da importancia dos SE imaxinemos que nun territorio determinado (por exemplo Galiza), toda a súa superficie e dedicada a produción industrial, empresas e máis empresas, que son viables, que xeran centos de miles de postos de traballo, e que teñen toda a produción vendida, e o noso PIB saíndose dos gráficos positivos. Deste xeito o territorio, estaría destinado á produción e as vivendas e servizos básicos para os traballadores de tales empresas, nada máis.

Pero serían Quen de soportar Galiza e os seus habitantes unhas condicións de vida así?, e en caso positivo, por canto tempo? Semella imposible, inhabitable e inelixible.

 

Chegado este punto, si para poder producir, alguén ten que compensar esas externalidades negativas procedentes da produción, en que propiedades faise esa compensación? Quen pode garantir unha continuidade no tempo de tales actuacións? Deben os servizos do ecosistema formar parte da contabilidade das empresas?

O Código Civil, recolle, de xeito xenérico, dous tipos de propiedade, a pública e a privada, deixando pechada unha terceira vía, que como acontece no país veciño, Portugal, recolle a propiedade comunitaria, que é onde encaixarían as CM veciñais pola súa orixe xermánica.

O tipo de propiedade e moi relevante falando dos SE porque, os SE non son produtos que estéanse a xerar dun día cara outro, os SE precisan de anos, nalgúns casos séculos, para chegarse a desenrolar. A propiedade dos montes veciñais e invendible, indivisible e inembargable, polo tanto non debería estar exposta a especulacións sobre a terra, e digo debería, porque algunhas das novas lexislacións, usando a “ declaración de interese público” as fan pasar a mans privadas tendo en conta simplemente o carácter do binomio produtivo-privado.

Pero dito isto, hai algo que sexa de máis interese público que a conservación e equilibrio do medio no que nos habitamos? Pois semella que non! Outros tipos de propiedades privadas non son Quen de garantir esa continuidade no tempo, de ai a importancia de manter os SE baixo o paraugas da propiedade comunitaria baseada nas orixes xermánicas.

Se analizamos as necesidades que as empresas e a sociedade teñen dos diferentes SE, e se chegamos a conclusión que ninguén pode producir ou consumir, si a natureza non o pode soportar, e para soportalo aportación que os SE fan, é imprescindible para ás empresas e ás Administracións, estas  deberían ter ós SE na consideración dun provedor máis e polo tanto asumir os costes que iso supón. Por primeira vaga, unha directiva europea, a  2022/2464 de 14 de decembro de 2022, semella dar o primeiro paso firme para que as políticas de sustentabilidade entre de cheo na contabilidade das empresas, agrademos que tamén esta medida chegue á “Terra”.

 

O que non parece lóxico é qué a día de hoxe a responsabilidade, custos e traballo para xerar e manter unha boa parte dos SE que a sociedade precisa na Galiza, sexa das Comunidades de Montes Veciñais e diría máis, tampouco parece lóxico que a responsabilidade de facer cumprir a lexislación xa existente por parte dos usuarios, recaia tamén nas CM veciñais.

Neste momento a realidade a pé do terreo,é que o consumo de SE por parte da sociedade e entes en xeral e masivo, pero o mesmo tempo esta sociedade e tódolos seus actores están totalmente de costas ós espazos que fan posible que inda mantéñase un pouco de equilibrio ambiental en Galiza. Haberá que deixarlle claro a todos os consumidores de SE, que a limpeza do ar, o auga que bebemos, os espazos de ocio, o aprovisionamento de consumibles sustentables, o control da erosión, a biodiversidade, etc etc saen da xestión das Comunidades de montes veciñais que máis que nunca precisan de un recoñecemento e apoio social.

Por todo isto urxe unha Lei dos Servizos do ecosistema que: sirva de marco de resto de Leis medioambientais, que cuantifique, valore e monetice tales servizos, que regule o pago por estos servizos que cubran o mantemento dos espazos que os xeran, analizando os SE  de forma conxunta e que, o mesmo tempo  regule a interacción entre si dos diferentes usos e aproveitamentos derivados dos SE, para evitar, que a recollida dos beneficios que un servizo produce, derive en danos para outro SE. Está lei debería incidir tamén na formación e información continua sobre os cativos e os adultos, con exixencias de coñecemento.

Non hai nada máis importante que o noso medio, e para iso hai que coñecelo, valoralo e compensalo….

…… o resto,

……. son perdas de tempo.