
Achegas ao proxecto de explotación, ao estudo de impacto ambiental e ao plan de restauración presentados xunto coa solicitude de pase a concesión de explotación de 17 cuadrículas mineiras derivadas do permiso de investigación de recursos da seccion C Alberta I, número 4966.1.1, nos concellos de Beariz e Avi.on (Ourense) e A Lama (Pontevedra).
PRIMEIRA:
Os terreos onde se vai levar adiante a explotación mineira, son monte veciñal, xa que pertencen á comunidade de montes veciñais en man común de Doade, no concello de Beariz. A veciñanza comuneira, titular destas terras comunitarias, en asemblea xeral acordou democraticamente rexeitar a explotación mineira. Nunha sociedade democrática debería ser suficente a decisión dos titulares das terras afectadas para que os proxectos se instalen ou non. Neste caso para rexeitar o proxecto de explotación mineira que pretende instalar. E máxime cando os acordos dunha comunidade de montes non son decisións individuais, senon decisións colectivas. A aplicación dunha lei de xeito mecánico pode convertirse nunha inxustiza social.
SEGUNDA :
Comunidades de montes veciñais limítrofes e diversas asociacións de índole ambiental, social, cultural, afectadas directa ou indirectamente pola explotación mineira a instalar manifestaron tamén o seu rexeitamento. Parecería lóxico que a administración pública, competente para conceder ou non a autorización da explotación mineira, tivese en conta, de xeito preminente, a opinión de todos estes colectivos, xa que representan a opinión da veciñanza, que directa ou indirectamente veranse afectados negativamente pola instalación da explotación mineira.
TERCEIRA:
O proxecto de explotación mineira referenciada carece dun plan para o tratamento das augas en contacto coa explotación, de tal feito que estas augas residuais con substancias tóxicas e nocivas inxetaranse nos afluintes e nos ríos da zona. Debido a cantidade de auga que precisa captar (25.750 litros/hora de augas soterradas) afectaran con toda posibilidade ás captacións de auga potabel da que se sirven as poboacións do lugar. A auga é un elemento vital para a vida, para a vida das persoas tamén. Ademais, o proxecto non avalia adecuadamente o impacto da mina sobre o ecosistema da Serra de O Suído, Serra de O Cando e Serra de O Candán, incluindo a afección a Rede Natura 2000 e a conectividade entre espazos. Varios espazos próximos formaban parte da proposta de ampliación da Rede Natura 2000 formulada en 2008 e que a Xunta de Galiza non implementou a pesar da obrigatoriedade derivada da lexislación eurpoea. Todas estas cuestións parecen razóns suficentes para non conceder o permiso da explotación mineira.
CUARTA:
Na documentación enviada polo promotor da empresa para esta explotación mineira, non se acompaña ningún estudo sobre a perda das actividades no sector primario e os postos de traballo que se perderán nas diversas actividades afectadas deste sector. Basearse só nos postos de traballo que xeraría a actividade industrial que solita permiso de explotación é, cando menos, incompleto e parcial. A falla deste estudo debería ser razón suficente para que non se inciase o proceso para a autorización de explotación mineira, mentres a empresa promotora non aportase este estudo .
QUINTA:
O monte veciñal é un ecosistema. Enténdese como servizos ecosistémicos como os beneficios que un ecosistema aporta á sociedade e que melloran a saúde, economia e calidade de vida das persoas. A groso modo, pódense agrupar en catro bloques: Servizos de aprovisionamentos e bens materiais (madeira, alimentos, auga…), servizos de regulamentación , que teñen a función clave de reducir os impacto globais e locais (regulación do ciclo da auga, defensa da biodiversidade, control da erosión do solo…), servizos culturais asociados ao tempo libre e ás diversas manifestacións culturais (deporte o ar libre, restos arqueolóxicos, difrute da paisaxe…), e servizos de soporte que aseguran e garanten que se manteñan os servizos anteriores. Os montes veciñais, polas súas carácteristicas de titularidade xermánica, son terras abertas e os servizos ecosistémicos que prestan teñen carácter universal.
A explotación mineira que se pretende abrir vai ter lugar na superfice do monte veciñal da comunidade de montes de Doade e dado que a explotación será a ceo aberto, vai eliminar todos estes servizos ecosistémicos para sempre. Non parece razonable que se sacrifiquen un bens, que son comúns, por un interés particular a favor da empresa promotora da explotación mineira. Estes argumentos son máis que suficentes para que non se conceda o permiso para esta explotación mineira.
SOLICÍTASE:
1-Que se teña por formuladas as presentes achegas e, atendendoas, se resolva denegar a execución do proxecto.
2-Que se lle recoñeza a esta parte a súa condición de interesado no expedente de referencia, comunicandolle os trámites e dandolle audiencia dos actos sucesivos.
3-Que se lle proporcione acceso ao expedente referido.

