Con só o voto en contra de VOX , o deputado do Bloque Nacionalista Galego, Nestor Rego, mediante unha Proposición Non de Lei (PNL), logrou que o Congreso dos deputados/as inste ao goberno central para que recoñeza ás comunidades de montes para actuar como comunidades enerxéticas locais. Agora só falta que o Goberno central tome en consideración este sentir maioritario do Congreso e leve adiante o contido da PNL.
Proposición non de lei do deputado do BNG aposta por un modelo de xeración de enerxía distribuida a menor escala e máis próxima aos centros de consumo, fronte ao modelo da Xunta de Galiza e do Goberno do Estado, que apostan por favorecer os intereses empresariais.
Recoñocer que as comunidades de montes poidan actuar como comunidades enerxéticas locais posibilitará que as comunidades de montes sexan actores centrais na produción de esta enérxia renovabel, xerando riqueza e servizos para a veciñanza das aldeas e das parroquias.
Este recoñocemento tamén implica a consideración de que o aproveitamento destas enerxías renovabeis sexan consideradas como aproveitamentos dos montes veciñais e xa que logo o seu desenvolvemento beneficiará ao conxunto da sociedade, ao contribuir a loita contra o cambio climático e abaratará os custos deste servizo para a veciñanza comuneira e para as populacións preto dos montes veciñais.
A ORGACCMM quere manifestar públicamente o agradecemento ao deputado do BNG por levar aodebate ao Congreso dos deputados/as e conseguir que o mesmo aprobase que as comunidades de montes poidan actuar como comunidades enerxéticas locais no desenvolvemento das enerxías renovabeis. Cuestión que é unha reinvidicación dun número importante de comunidades de montes.



