A Organización Galega de Comunidades de Montes alerta de que a Consellería de Medio Ambiente ven de presentar a consulta pública un anteproxecto de lei da administración ambiental simplificada, cuxo obxectivo fundamental é facilitar que se poidan instalar no territorio galego proxectos industriais. Uns proxectos que na súa maioría son lesivos ambientalmente para o territorio e para a calidade de vida da poboación residente.
Denuncian que este anteproxecto disminúe, cando non elimina, os controles ambientais e sustitúe a labor garantista do funcionariado da administración por as chamadas entidades colaboradoras da administración ambiental, que son entidades de carácter privado. A ORGACCMM tamén sinala que semella que os montes veciñais non existen para a Consellería de Medio Ambiente, xa que non figuran en ningún articulado deste anteproxecto. A Consellería pretende así entregalle aos promotores destes proxectos industriais unhas terras que non son súas, senón da veciñanza.
Ante este despropósito da Consellería de Medio Ambiente, a ORGACCMM presentou unha achega a este anteproxecto. Unha achega, á totalidade, pedindo a súa retirada e o inicio dun novo proceso no que participen todos os sectores implicados.
ACHEGA ÚNICA DA ORGANIZACIÓN GALEGA DE COMUNIDADES DE MONTES AO ANTEPROXETO DE LEI DE ADMINISTRACIÓN AMBIENTAL SIMPLIFICADA.
ACHEGA ÚNICA: Retirada do anteproxecto de lei de Administración Ambiental Simplificada e reinicio do proceso coa participación de todos os sectores implicados.
ARGUMENTOS DA ACHEGA:
1.- O anteproxecto de lei pretende xuntar nuha soa lei (codificación) ,na que estarían incluidas a Lei 9/2013, de 19 de decembro, de emprendemento da competitividade económica de Galiza, a Lei 5/2017, de 19 de outubro, do emprendemento e da implantación de iniciativas empresariais de Galiza e a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativas e de apoio a reactivación económico de Galiza.
O obxectivo de esta “codificación “, nova lei de administración ambiental simplificada, é a de facilitar aínda máis os proxectos empresariais, que, na súa maioría,,son agresivos para o territorio e para as poblacións que nel habitan. Cando, precisamente, polas características destes proxectos, a lexislación tiña que contar con máis cautelas ambientais e sociais.
Ademais, o anteproxecto da lei de Administración Ambiental Simplificada no seu Capítulo de Obxecto e principios asume a filosofía de “que quen paga pode seguir contaminando”, que non e a mellor fórmula para loitar contra o cambio climático .
2.- O anteproxecto de lei disminúe, cando non elimina, as garantías ambientais para que os proxectos industriais acaden a autorización, como son:
- Que os promotores dos proxectos eólicos poderán solicitar a excepción da avaliación ambiental se estes proxectos atópanse nas chamadas zonas de aceleración de enerxía renovabel.
- Que os promotores do proxectos eólicos poderán solicitar voluntariamente a sustitución das autorizacións ambientais vixentes por unha autorización ambiental integral simplificada soamente presentando unha declaración responsábel.
- Que teñen carácter vinculante os acordos ambientais que suscriban a Consellería competente en materia de medio ambiente e os titulares das actividades e das instalacións.
- Que no caso de que as inciativas empresariais sexan declaradas como “proxectos industrais extratéxicos” os promotores dos mesmos non precisan obter o certificado acreditativo de compatibilidade urbanística.
3.- O anteproxecto de lei sustitúe a laboura garantista do persoal da administración pública polo criterio das chamadas entidades colaboradoras de administración ambiental, que son entidades de carácter privado .Estas entidades colaboradoras terán a capacidade de:
- A verificación da normativa aplicable dos proxectos sometidos á autorización ambiental integrada.
- A colaboración no seguimento dos pronunciamentos ambientais e nas funcións de inspección ambiental.
- A emisión de certificados, actas, informes e ditames que poderán ser asumidos pola administración pública .
- O asesoramento as promotoras dos proxectos para subsanar as deficiencias dos proxectos e favorecer a súa autorización.
4.- O anteproxecto de lei depreza a opinión dos titulares das terras onde se instalarán estas actividades industrias, que na súa maioría terán aspectos sociais e ambientais agresivos. Boa proba disto atopámola en que en todo o articulado do anteproxecto de lei non aparece como condición coñocer a opinión dos titulares das terras para conceder a autorización ao proxecto industrial.
Derivado desta filosofía política os titulares das terras non forman parte do Consello Galego de Medio Ambiente. Dada a estructura da propiedade que hai en Galiza ,existen os montes veciñais, que son unhas terras comunitarias pertencentes á veciñanza comuneira de cada lugar, aldea ou parroquia. Nunha sociedade democrática debería ser, senón, suficente, si, cando menos, terse en consideración a opinión dos titulares das terras onde se queren instalar eses proxectos industriais. Máxime cando as opinións das comunidades de montes non son individuais, senon que son colectivas, dado que son tomadas democráticamente en asemblea xeral.
Mais o anteproxecto de lei non contempla esta cuestión. Ademais, por razóns históricas, os montes veciñais están situados sobre todo nas zonas altas do territorio galego. E van ser nestes lugares onde se instalarán maioritariamente os proxectos industriais que, na súa maiorí , son agresivos para o territorio e para as persoas que nel habitan. Parece máis que acaído que para a instalación destes proxectos industriais se tivera en conta a opinión das comunidades de montes.
Os montes veciñais, por ser titularidades de carácter xermánico, teñen a consideración de bens de utilidade pública. Cando dúas utilidades públicas se enfrontan é preceptivo a realización dun acto de prevalencia para decidir cal das dúas é a prevalente. Este anteproxecto de lei anula este acto de prevalencia ao que teñen dereito as comunidades de montes, ao considerar por lei que os proxectos industriais son sempre prevalentes.
Os montes veciñais son en se mesmos un ecosistema. Enténdense como servizos do ecosistema,os que aporta este á sociedade e que milloran a saúde, a economia e a calidade de vida das persoas. A groso modo, estes servizos ecosistémicos poden agruparse en catro bloques:
- Servizos de aprovisionamento e bens materiais (madeira, alimentos, auga…).
- Servizos de regulamentación que teñen a función clave de reducir os impactos globais e locais (regulación do ciclo da augas, defensa de biodiversidade, combate a erosión…).
- Servizos culturais asociados ao tempo libre e ás manifestacións culturais (deportes ao ar libre, disfrute da paisaxe, visita a restos patrimonais…).
- Servizos de soporte que aseguran e garenten que se manteñan os servizos anteriores.
Os montes veciñais por ser titularidades de carácter xemánico son terras abertas e xa que os servizos ecosistémicos que prestan teñen carácter universal. O anteproxecto de lei ao non ter en consideración, en ningún dos seus artigos, aos monte veciñais anulan os servizos ecosistémicos que estas terras prestan. Non parece razonabel que se sacrifiquen uns bens que prestan servizos ecosistémicos de xeito universal para favorecer os intereses particulares dos promotores destes proxectos industriais.



