
Diante da vaga de lumes que asola Galiza arrasando milleiros de hectáreas, o Instituto de Terras Comunitarias (INGATECO) esixe que se asuman responsabilidades políticas. Unha vez extinguidos os incendios forestais, compre o cese dos equipos responsables da Consellería de Medio Rural -coa conselleira e directores xerais de Planificación e Ordenación forestal e de Defensa do Monte a cabeza-pola súa incompetencia, e a convocatoria inmediata dun Consello Forestal ampliado a todas as entidades que queiran participar para analizar o resultado desta catástrofe e presentar propostas de cara ao futuro, partindo na práctica de cero.
Hai que dar un xiro radical ao sistema actual, con medidas urxentes tanto políticas como técnicas en materia de organización do espazo agrario e do monte. O INGATECO propón tratar da organización do territorio, un mapa de producións de interese socio-económico, un plano hidrolóxico que teña en conta os nosos montes como protectores, accións para velar polos Espazos Naturais, da Rede Natura e Reserva da Biosfera e unha atención especial a propiedade da terra, particular e veciñal en man común.
Nos últimos anos, profesionais do ámbito científico e académico, técnicos cualificados e especialistas da ecoloxía veñen advertindo para modificar canto antes o modelo de xestión forestal por obsoleto e insostible. Por moitas cámaras térmicas de vixiancia, equipos de investigación, directores de extinción formados en grandes lumes e medios humanos e técnicos que dispoñan as Administracións, se non se atende o cambio climático, se adaptan os recursos e se vai introducindo progresivamente unha mudanza, continuará o fracaso, un fracaso como País.
ANTECEDENTES:
Dende o INFOGA (Incendios Forestais de Galicia, apéndice do Plano Forestal de Galicia 1992-2032) ao PLADIGA (Plano de Defensa contra Incendios Forestais de Galicia, ao abeiro da Lei 03/2007 de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais) vixente na actualidade, van 23 anos de teoría para defender o monte e as poboacións, cos nefastos resultados das últimas semanas. Con antecedentes en anos anteriores dos que non aprenderon nada nin sacaron conclusións.
Para chegar a esta situación, hai que remontarse a recepción das competencias plenas en materia de agricultura, gandeiría e montes no ano 1984 por parte da Xunta, que ata o de hoxe, non quixo adaptarse a evolución que se estaba a dar no rural galego ante a perda de actividade agraria, o abandono da poboación, o absentismo…
Lonxe de artellar medidas correctoras, apoiar servizos básicos no rural, planificar o territorio, motivar os propietarios de montes con axuda técnica e económica facendo unha boa xestión dos fondos europeos, dispór dun mapa produtivo de calidade e, en definitiva, defender o sector da agricultura e da gandeiría, optouse por aplicar unha política continuista do franquismo e crear unha ferramenta para poder combater os lumes forestais sabedores de que estarían presentes nos vindeiros anos.
O panorama presente é, o epílogo da política seguida nas últimas décadas aplicando aquelo de “tanto foi o cántaro a fonte que un dia rachóu”. Non se tiveron en conta
indicadores claros como o envellecemento e o abandono do rural que repercute directamente na atención das terras, e por outra, permitir con complacencia contar cunha cuarta parte do País ocupada por eucaliptal, que veremos as consecuencias que trae.
Denunciamos o incumprimento por parte da Xunta da lexislación en materia de montes e de defensa contra incendios sobre xestión da biomasa e asemade dos Planos Forestais de Galicia (PFG): o primeiro, para o período 1992-2032, do que os únicos beneficiados foron pasteiras como ENCE, co eucalipto, ao pasar dunha previsión de 245.000 hectáreas no 2032 a 500.000 no 2025; e o segundo, -unha revisión do plano anterior-para o período 2021-2040, con 9.400 millóns de euros. Curiosamente, este último denomínase “hacia a neutralidade carbónica”, paradóxico, co que está acontecendo. Dende o INGATECO demandamos coñecer que actividade tivo éste novo plan nos cinco anos de vixencia, aínda que por moito plano forestal que a Xunta edite, se non muda de estratexia, se non existe unha xestión real do territorio, consideramos que non hai nada que facer.
A Xunta de Galiza non atende a base territorial en canto a titularidade: o 64% son terras privadas con 1,2 millóns de propietarios de parcelas agrarias (700.000 son de montes); e un 33% de montes veciñais en man común-terras comunitarias (3.000 comunidades de montes). Fronte ao 3% de xestión pública. Como se relaciona a Administración coa propiedade? Que lle ofrece? Como asesora? Como motiva? Con que servizos se conta?. Son cuestións moi importantes que non foron abordadas e que inciden negativamente sobre o caos do agro e do monte galego e favorece a expansión dos lumes forestáis.